Inxusta derrota (1-2) dun voluntarioso Pontevedra ante un Depor B que soubo aproveitar as súas ocasións
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Perder na casa e saír ovacionado polos teus afeccionados dio case todo. E é que hai formas de perder que dignifican. A bancada de Pasarón despediu ao Pontevedra cunha pechada ovación ao termo do partido fronte ao Deportivo B, como premio á súa actitude, ao seu orgullo deportivo, á súa entrega ata o último suspiro, á súa resistencia á derrota e ao afán de superación que mostraron os xogadores.
E é que en fútbol non sempre gaña o mellor, nin o que máis o merece. Dous graves erros defensivos penalizaron un equipo que o tivo todo menos o acerto ante a porta rival, ademais deses dous erros individuais que soubo aproveitar un rival capaz de converter en gol as súas dúas primeiras chegadas á área local.
Por se fose pouco, dirixindo o partido había un trío arbitral deses que mellor non encontrárseos nun campo. Empeñados en converterse en protagonistas, ignoraron un claro penalti de Callón sobre David Pérez, que podía ter significado o empate a un gol, aos 19 minutos, e outro posible por mans Roberto a centro de David Feito, na segunda metade, cando os locais estaban envorcados intentando remontar o partido.
O Deportivo B tivo acerto ante o gol e seriedade defensiva. Chegaron tres veces na primeira parte e anotaron dous. Na segunda nin sequera pisaron a área granate, limitándose a resistir o asedio e intentar romper o ritmo do rival a base de xogar o menos posible.
Claro que dous goles en contra na primeira media hora son unha lousa demasiado pesada. Pero o Pontevedra estivo a punto de levantala. Faltoulle algo de fortuna, un árbitro con mellor vista e criterio, e mellor puntaría ante a meta rival.
A primeira mazada chegou cando apenas transcorreran cinco minutos de partido, nun balón interior que Miguel non alcanzou a cortar e Dani Iglesias serviu para que Cañi rematase pracer.
Reaccionou o Pontevedra, que pediu o primeiro penalti, por empuxón de Callón a David Pérez. O árbitro non o sinalou e ademais amoestou o xogador local polas súas protestas.
Á media hora, co Pontevedra mandando, aínda que con pouca profundidade, unha falta lateral inexistente que se saca da manga o asistente, permite a Remeseiro colgala sobre a frontal da área pequena, Miguel non salta para disputar o balón e Romay, de cabeza, remata comodamente batendo a Edu.
Os locais acusaron o tanto, pero comezaron o seu rosario de ocasións falidas pouco despois, cando Pablo Carnero, nun gran pase interior de Luismi, queda só pero estrela o seu remate, por dúas veces, nos brazos do porteiro coruñés.
Co Pontevedra ferido, Remeseiro aproveita un erro no pase, minuto 40, para rematar dende a frontal, facendo intervir con acerto a Edu, para mandar a pelota corner. Era o terceiro e último ataque deportivista en todo o partido.
Porque a segunda parte foi un monólogo granate. Unha especie de acoso, que se non chegou a derrubamento se debeu exclusivamente aos factores antes aludidos de falta de acerto no remate final, erros arbitrais e tamén, todo hai que dicilo, ordenada defensa branquiazul.
Richi, no 51, remataba de cabeza fóra. Luismi, tres minutos máis tarde, culmina unha excelente xogada de todo o equipo, rematando só, aínda que moi forzado, xunto á base do poste.
O equipo chegaba e xogaba. Buscaba o gol con insistencia. Con bo fútbol, con coraxe, con determinación. Pelexando cada balón. E o gol da esperanza chegou, minuto 61, tras unha falta botada con precisión por David Feito, que Luismi peitea de cabeza.
O árbitro deixou sen sanción dous posibles penaltis na área coruñesa, un en cada tempo, por derrubamento a David Pérez e por man dun defensor
Coa bancada envorcada en apoiar o equipo e premer o trío arbitral, Pablo Carnero ten o empate, pero a súa media chilena marcha fóra. Sería xusto antes de que un centro de David Feito sexa interceptado coa man por Roberto, dentro da área. O árbitro non o castiga, e como na primeira parte con David Pérez, "protexese" amoestando a Feito pola protesta.
Máis claras serían as dúas seguintes ocasións. Unha cun balón de David Pérez a Pablo Carnero, que centra e Luismi non chega por centímetros, coa portaría á súa disposición. A outra, a falta de pouco máis de dez minutos, nun balón prolongado por Candela, ao que non chega por pouco Miguel, a dous metros da liña de gol.
Ata o final o Pontevedra seguiu sen baixar os brazos. Resistíndose a unha derrota cruel e inmerecida. Como diciamos ao principio, hai derrotas que dignifican, pero non deixemos de lado o feito de que, polo menos neste caso, tamén deixan en evidencia as carencias do equipo.
PONTEVEDRA, C.F. (1): Edu (2); Adrián (3), Yago Vázquez (2), Miguel (1), David Feito (2); Luismi (2), Candela (2), Moreira (1), David Pérez (2); Richi (1) e Pablo Carnero (2).
Substitucións: Santi Domínguez (2) por Richi, minuto 67. David García (2) por Moreira, minuto 67. Pablo (s.c.) por David Feito, minuto 83.
DEPORTIVO B (2): David (3); Callón (1), Roberto (2), Stefan (2), Aarón (1); Sibidé (1); Remeseiro (1), Romay (2), Ángel (1), Cañi (2); e Dani Iglesias (1).
Substitucións: Quique (1) por Callón, minuto 62. Queijeiro (1) por Remeseiro, minuto 74. Adrián (s.c.) por Dani Iglesias, minuto 83.
Árbitro: David Iglesias (Vigo), auxiliado nas bandas por Jorge Correia e Bryan Mensah. Amoestou a David Pérez, David Feito e Pablo, polo Pontevedra, e a Stefan, Cañi e Romay, polo Deportivo B.
Goles: (0-1) Minuto 5: Cañi. (0-2) Minuto 30: Romay. (1-2) Minuto 61: Luismi.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.200 espectadores.
VESTIARIOS:
DAVID SÁNCHEZ: O segundo adestrador do cadro herculino comezou dedicando a vitoria do seu equipo ao técnico, José Luis Devesa: "Quero dedicar a vitoria a José Luis, que non está connosco porque é un dos afectados pola problemática que hai coa fábrica de armas de A Coruña, onde están encerrados en sinal de protesta polo peche que houbo, e que están a pasar unha situación moi angustiosa".
David Sánchez: "As veces que chegamos a porta fomos capaces de marcar"
Con respecto ao partido indicou: "Rematamos sufrindo. Mesmo penso que se o rival non tivese recorrido tanto ao fútbol directo nos tivese feito máis dano. Nós empezamos ben, pero non tivemos hoxe, eu creo que por virtudes do rival, tanta capacidade combinativa como outros días, e non obstante de cara a portaría fomos máis eficaces, que as veces que chegamos fomos capaces de marcar. O Deportivo o pouco que fixo o fixo mellor, e nese sentido creo que o resultado é xusto".
MANU FERNÁNDEZ: Satisfeito co rendemento do seu equipo, co respaldo da afección, pero non co resultado, nin coa actuación arbitral. O adestrador granate era rotundo na súa análise: Dous erros que nos custaron moi caros. No fútbol vívese moito dos erros do rival. Cometemos dous erros, sobre todo o segundo, que para min é imperdoable, porque incido moito niso, no balón parado, que o traballamos moito e por iso me doe bastante".
Manu Fernández: "A actuación arbitral, un horror. Creo que hai algún penalti por aí, ou un par deles"
"Estou amolado porque perdemos tres puntos importantes, pero á parte diso, se houbo un equipo que mereceu máis foi o Pontevedra. Na segunda parte especialmente creo que fomos moi superiores ao rival. Estou moi satisfeito da resposta do público. Había moito tempo que a afección non estaba tanto co equipo e iso supoño que será porque algo teremos feito ben. Hoxe perdemos, pero acabamos morrendo na súa área e a afección viuno e premiouno".
"A actuación arbitral, un horror. Non sei se se pode dicir, pero, é así. Pódeste equivocar, pero hai cousas que as coñezo eu sen ler o regulamento. Sácanos amarelas por protestar, creo que hai algún penalti por aí, ou un par deles. Actitude moi altiva. Non se, non hai máis voltas que darlle".