O Cisne supera a Teucro e Sao Mamede no I Torneo Internacional Cidade de Pontevedra
Por Cristina Saiz & Redacción
A Sociedad Deportiva Teucro e o Club Cisne Balonmán tiveron este sábado a primeira toma de contacto do 2022 coa disputa do I Torneo Internacional de Balonmán Cidade de Pontevedra. O Pavillón Municipal foi escenario do triangular no que tamén participou o equipo portugués Associaçao Académica Sao Mamede e as categorías infantil e cadete dos conxuntos pontevedreses.
A unha semana de que comece a División Honra Prata e xa con data para o derbi que se aprazou con motivo da covid-19, Teucro e Cisne víronse as caras no primeiro enfrontamento do ano. Amigable, iso si.
Inauguraron a xornada os equipos infantís e cadete, que abriron boca para deixar paso ao redor das 19:00 horas aos xogadores sénior do conxunto azul e do portugués, gañando os de Pontevedra por 17-14 tras un axustado duelo.
Despois dun pequeno descanso, foi a quenda de novo do Sao Mamede, esta vez para medirse a un Cisne que se mostrou dubitativo nos primeiros compases pero terminou noqueando ao conxunto luso cun contundente 26-15.
E ás 21:00 chegou a quenda do esperado derbi, no que se mantivo certa igualdade ata chegado ao minuto 10 de xogo. A partir de aí produciuse un punto de inflexión, pasando a dominar o conxunto adestrado por Jabato en ata catro goles.
Cando parecía que a vitoria estaba en bandexa, chegaron os mellores minutos do Teucro, que reduciu distancias nos instantes finais tendo opcións de dar a volta ao marcador. Con todo, foi o Cisne o que soubo aproveitar os erros teucristas para facerse coa vitoria por 21-19.
Relacionadas:
-
Competición apraza o partido do Cisne ao detectarse un gromo de covid no seu rival, o Villa de Aranda
Por Diego Espiño |
-
Precaución no Cisne tras detectar un novo caso de covid no seu plantel
Por Redacción |
-
Mércores 2 de febreiro, nova data para o derbi pontevedrés entre o Cisne e o Teucro aprazado pola covid
Por Diego Espiño |
-
Teucro e Cisne únense para organizar o I Torneo Internacional de Balonmán Cidade de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Dous positivos por covid no Cisne e normalidade no Teucro na volta aos adestramentos
Por Redacción |