Ponte Caldelas estrea escudería automobilística
Por Redacción
A gran afección ao mundo do motor en Ponte Caldelas traduciuse na creación dunha nova escuadra de automobilismo.
A Escudería Ponte Caldelas nace coa intención de potenciar o deporte do motor no municipio e estréase asumindo a organización da Subida a Ponte Caldelas.
Esta proba, que terá lugar os días 3 e 4 de setembro, regresa ao calendario autonómico tras as súas suspensións os dous últimos anos debido á situación sanitaria e despois de completar catro edicións coa Escudería Buxa Motor detrás.
A Subida terá cambios en 2022, cun novo trazado de 12 quilómetros que achegará a súa saída ata o centro urbano.
"Esta escudería é resultado da gran afección ao mundo do motor que hai no noso concello", sinalou o alcalde do municipio, Andrés Díaz, tras reunirse coa directiva do club automobilístico que estará formada por Diego Rodríguez (presidente); José Luis Ucha (secretario), Diana Rivas (tesoureira), Ángel Boullosa (vogal) e Jesús Estévez (vogal).