Contraste na canteira granate: o filial loita polo ascenso; o xuvenil, pola permanencia
Por Redacción
Situación dispar nas categorías inferiores do Pontevedra CF á hora de afrontar o novo ano. As dúas principais escuadras que deberían nutrir de xogadores ao primeiro equipo nas próximas tempadas afrontan o tramo final da competición con obxectivos opostos.
O Pontevedra B de Luismi está metido de cheo na loita polo ascenso a 3ª RFEF, pero o xuvenil de División de Honra de Roberto Feáns terá que ofrecer a súa mellor versión para evitar o descenso.
No ecuador da primeira fase da competición atópase o filial granate, que despois de disputar 12 partidos marcha en terceira posición con 21 puntos, a dous do líder Gran Peña.
Con todo, esta situación pode cambiar drasticamente porque os seus perseguidores teñen partidos pendentes de xogar que, se gañan, provocarían a caída dos de Luismi ata a sexta posición, que os deixaría fóra do grupo polo ascenso.
É preciso lembrar que o sistema de competición este ano divídese en dúas fases. O Pontevedra B está encadrado dentro do subgrupo 2A, do grupo Sur de Preferente. Se consegue terminar esta primeira fase entre os cinco primeiros, pasará a disputar a fase de ascenso enfrontándose aos rivais do subgrupo 2 B. Nesta segunda fase, os dous mellores clasificados ascenderán directamente a 3ªRFEF. Ademais, en función da súa posición final na primeira fase, comezarán a segunda con 6, 4, 3, 2 ou 1 punto na súa marcadora.
Malia que aínda non teñen asegurada a súa clasificación, parece que o Pontevedra B xa deixou atrás un bache que estivo a piques de arruinar as súas opcións de ascenso. Despois dun inicio prometedor con seis xornadas sen perder, o filial granate encaixou tres derrotas en catro partidos que o apartou da loita polo liderado. Con todo, pecharon o ano con dúas vitorias consecutivas, unha delas na cancha do líder Gran Peña, que volve disparar a ilusión polo ascenso.
Menos optimismo respírase no vestiario do xuvenil de División de Honra. Eran conscientes os de Roberto Feáns que este primeiro ano na elite do fútbol de formación nacional ía ser complicado. E non se equivocaban. Ata 12 xornadas tiveron que esperar para conseguir o primeiro triunfo da tempada. Foi como locais fronte ao Bezana, ao que asestaron un contundente 4-1.
A pesar destes pobres números, unha soa vitoria en 16 xornadas, os granates teñen aínda opcións de pemanencia. Con oito empates e sete derrotas na súa marcadora, os de Feáns contan con 11 puntos e marchan antepenúltimos, no posto décimo sexto.
A salvación márcaa o Arenal, duodécimo con 16 puntos. Unha distancia de 5 puntos que no seo do vestiario granate están convencidos que poden recortar para obrar o milagre da permanencia.
Relacionadas:
-
Catro reforzos para tentar salvar o Pontevedra xuvenil do descenso na División de Honra
Por Diego Espiño |
-
Sen cambios no Pontevedra á espera dunha nova rolda de test de covid
Por Diego Espiño |
-
Competición castiga o Pontevedra xuvenil por aliñación indebida e dálle por perdido o seu partido contra o Pabellón de Ourense
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra adxudica a Pablo López, Miguel Román e Iñaki as tres fichas sub 23 dispoñibles
Por Manu Otero |
-
Luismi regresa ao Pontevedra como analista do primeiro equipo e adestrador do filial
Por Alejandro Espiño |