Pistoletazo de saída para a Gimnástica, que afronta unha tempada con renovados retos
Por Redacción
Como cada inicio do mes de novembro o atletismo español resetéase para comezar unha nova campaña, que será a número 88 para a veterana Sociedad Gimnástica.
O club pontevedrés continuará co importante labor de mostrar o mellor atletismo os veciños da cidade e a súa área de influencia, para iso presenta no novo curso atlético 2013/2014 un proxecto deportivo moi completo, que empezou hai un mes cando se abriu o curso da súa Escola Municipal de Atletismo, con máis de 150 rapaces practicando deporte, ao que se sumará o próximo Campus de Verán, con algo menos de 100 mozos que estiveron a pasada campaña.
Co comezo do novo ano abrirase a competición oficial co campo a través e o atletismo en pista cuberta, para o que os atletas se están a preparar intensamente co fin de afrontar dous dos obxectivos, que se formula o equipo volver estar na Copa do Rei de pista cuberta e pelexar polas medallas no Campionato de España de clubs de campo a través. ÿ un reto moi difícil pero no espírito da Gimnástica está intentalo.
Cando se chegue á primavera será a verdadeira proba de lume, co comezo da Liga Nacional de Clubs. O equipo masculino defenderá de novo a súa praza na División de Honra, na súa oitava campaña consecutiva na máxima categoría do atletismo español.
Pero ademais das máis de 250 competicións ás que prevén acudir os atletas da Sociedad Gimnástica; o club que dirixe Ramón Touza continuará co labor de organizar competicións atléticas na cidade, tanto na pista de atletismo do CGTD coma nas rúas de Pontevedra, con carreiras populares como a que temos en apenas 60 días, a San Silvestre pontevedresa, o 31 de decembro, que na pasada edición reuniu 2.500 corredores, a maior participación da historia.
A todo iso hai que sumar a colaboración co Concello de Pontevedra no Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra ou o Medio Maratón de Pontevedra, que ano tras ano continúa gañando adeptos.