Lores promete mellores instalacións municipais para o deporte da escalada
Por Manu Otero
Os deportistas do Club Aromon Montañeiros A Roelo Xavi Carballo e Xián Novoa foron recibidos este martes no Concello de Pontevedra polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández polos seus recentes éxitos en competicións nacionais.
Carballo proclamouse subcampión de España de escalada deportiva, mentres que Novoa alzouse coa Copa de España de carreiras de montaña. Acompañados por directivos do seu club, ambos os deportistas conversaron cos representantes municipais sobre o seu deporte e as necesidades que teñen para seguir mellorando o seu rendemento.
Tanto Lores como Fernández destacaron os extraordinarios resultados conseguidos polos dous deportistas ao longo desta tempada sen esquecer a outros integrantes do club como Mateo Rodríguez, subcampión nacional na modalidade de orientación deportiva a pé en distancia media e sprint, que non puido acudir á recepción por motivos académicos.
"Queremos felicitalos no nome de todos os pontevedreses e sabemos que temos que poñernos as pilas en materia de instalacións deportivas para a escalada, porque en orientación temos ben onde orientarnos sen necesidade de ningunha instalación", chanceou o rexedor consciente da necesidade de mellorar os equipamentos públicos dun deporte que, desde o éxito español nos Xogos Olímpicos, experimentou un crecemento exponencial.
O propio Carballo, unha das figuras máis prometedoras da escalada no panorama español, recoñeceu os problemas que ten para realizar adestramentos de calidade na súa cidade. "O rocódromo do Multiusos fáisenos pequeno para o nivel no que estamos. Ter unha boa instalación en Pontevedra axudaría moitísimo", recoñeceu o escalador quen prometeu seguir competindo ao máximo nivel e levando o nome de Pontevedra por todo o mundo como mostra de agradecemento polo apoio da súa cidade.
Novoa, pola súa banda, puxo en valor a calidade dos espazos naturais que existene en Pontevedra e a súa contorna para a práctica da carreira de montaña, pero si recoñeceu que "é importante que o Concello se implique" para contribuír a dar a coñecer unha disciplina que tamén cotiza á alza e da que xa se presenta como candidata a estar incluída en futuras citas olímpicas.
Relacionadas:
-
O escalador pontevedrés campión de España sub 18, Xavi Carballo, recibe o apoio da Deputación
Por Redacción |
-
O pontevedrés Xavier Carballo saborea a prata na segunda cita da Copa de España de Escalada
Por Redacción |
-
A escalada deportiva, un 'Laboratorio da Infancia" para os escolares pontevedreses
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
A marcha nórdica aséntase en Pontevedra cun Campionato de España en 2022
Por Redacción |
-
As escolas deportivas municipais pechan o período inscrición sen cubrir todas as súas prazas
Por Redacción |