A segunda volta comeza para o Cisne con derbi no Rosal
Por Redacción
O Club Cisne Balonmán afronta esta fin de semana o inicio da segunda volta de competición na División de Honra Prata, na que marcha como líder sólido.
Os pontevedreses fano ademais cun derbi provincial na "cancha complicada" do Atlético Novás no Rosal, avisa Marcos Otero ' Quiños'.
O segundo adestrador cisneísta espera un duelo moi diferentes ao primeiro da tempada (vitoria clara por 29-21) xa que o Novás "ten bo equipo, empezaron a tempada quizais algo dubitativos, non como desexaban, pero aos poucos engancháronse á liga, xa van terceiros e gañaron 4 dos últimos 5 partidos", avisa.
A ese bo momento do rival hai que engadir que a do Rosal é "unha cancha que sempre aperta moito" e que por tanto esixirá "máxima concentración".
O encontro disputarase este sábado 11 de decembro a partir das 19.00 horas da tarde.