Támara Echegoyen e Gómez Noya recollen en Madrid a medalla de ouro ao Mérito Deportivo
Por Redacción
O deporte pontevedrés tivo a súa dose de recoñecemento por parte do Consello Superior de Deportes (CSD) na entrega das distincións da Real Orde do Mérito Deportivo.
O Teatro Cofidis de Madrid foi escenario do acto oficial ao que acudiron os premiados na actual edición, entre os que se encontran figuras do deporte mundial como Jorge Lorenzo, Mireia Belmonte ou os campións olímpicos Joel González e Marina Alabau.
Alí estaba a regatista pontevedresa Támara Echegoyen, ouro olímpico en Londres, pero tivo que ausentarse Javier Gómez Noya, triatleta afincado na cidade de Lérez e recentemente proclamado campión do Mundo.
Ambos os dous recibiron a medalla de ouro ao Mérito Deportivo, a maior distinción que se entrega a un deportista en España.
Para Támara Echegoyen, campioa olímpica en Londres 2012 na categoría de Match Race Feminino, esta Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo é un premio ao traballo e ao sacrificio que a levou todo o máis alto. "Me siento muy contenta de recibir esta medalla; un premio al trabajo y sacrificio de los deportistas", afirmaba a deportista pontevedresa.
Os recoñecementos á provincia estendéronse á piragüista Teresa Portela e o tirador paralímpico Juan Antonio Saavedra, galardoados coa medalla de prata, e os tamén piragüistas Ramón Ferro, ÿscar Graña e Álvaro Fernández Fiuza, medalla de bronce ao Mérito Deportivo.