O Umia CF dálle un novo uso ás redes de pesca
Por Redacción
O campo municipal da Bouza en Barrantes no que xoga habitualmente os seus partidos o Umia CF vai estrear novas redes para as súas porterías.
Trátase dunhas redes de pesca abandonadas en zonas costeiras e que foron recicladas dentro do proxecto Redes Vivas que promove Abanca.
O club, que conta actualmente con 17 equipos rexistrados entre as diferentes categorías do fútbol autonómico, convértese desta forma nun dos 39 de Galicia beneficiados por esta iniciativa.
Durante 2021, o proxecto Redes Vivas permitiu retirar do litoral galego 1.400 quilos de artes de pesca en desuso que se transformaron grazas ao traballo de redeiras de Corme e Malpica, en 1.500 m2 de novas redes para uso deportivo, que se instalarán nas porterías dos equipos deportivos patrocinados polo banco no marco do programa Abanca Deporte Base, como é o caso do Umia CF.
Ademais do fútbol beneficiaranse das Redes Vivas clubs de balonmán, fútbol sala, hóckey patíns, kaiak polo e hóckey herba.