O Club Subacuático Sotavento pisa por primeira vez o podio dun Campionato de España
Por Redacción
Histórica participación do Club Subacuático Sotavento no Campionato de España de Clubs de Pesca Submarina celebrado en augas de Adeje, en Tenerife.
Ata as Illas Canarias desprazáronse tres representantes do Sotavento, os pescadores Daniel Otero, David López e Daniel Pazos, e fixérono con algo máis dunha semana de antelación xunto ao resto de participantes galegos para preparar a competición nunhas augas moi diferentes ás do norte peninsular.
O resultado non puido ser máis positivo, xa que concluíron nunha meritoria terceira posición só superados por dous equipos canarios con experiencia internacional.
Os pontevedreses lograron unha pesca de 13 pezas e unha cota para amarrar o seu posto de podio.
No Campionato de España participaron un total de 15 equipos chegados desde diferentes puntos do territorio nacional.