A Escola Xadrez Pontevedra presume de subcampión nacional absoluto
Por Redacción
O xogador da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo, David Fernández, sumou en Xaén un novo éxito á súa traxectoria.
Tras debutar nun Campionato do Mundo nun torneo celebrado de maneira telemática, o pontevedrés, esta vez presencialmente, proclamouse subcampión do Campionato de España Absoluto de Xadrez organizado pola Federación Española de Deportes para Cegos.
No torneo, disputado entre o 17 e o 24 de novembro na súa XXX edición, reuniu aos 50 mellores xadrecistas do país.
David chegou a sumar 6 puntos dos 8 en disputa, con 5 vitorias, 2 empates e unha única derrota #ante o que sería campión, Gavril Draghici. Foi nunha partida emocionante, sinala o Xadrez Pontevedra, na que cunha Defensa Philidor e o seu contrataque puido gañar pola vía rápida, pero non atopou o camiño para rematar e terminou cedendo nun resultado que terminou decantando o título.
O éxito de David Fernández supón a guinda á tempada do club pontevedrés, un ano que garda unha última cita co X Memorial Ramón Escudeiro Tilve que por segundo vez consecutiva organizará en formato en liña.