Tono Campos ou Sara Cortegoso, entre os novos deportistas que alcanzan o recoñecemento de 'alto nivel'
Por Diego Espiño
O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidas como de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base de Galicia.
Nesa lista hai varias novidades no que respecta a deportistas da comarca, como a do piragüista Tono Campos. O padeeiro do Breogán do Grove, campión mundial e europeo na modalidade de maratón, conseguiu ao fin esta catalogación, que terá validez ata o 12 de novembro de 2026.
Tamén consegue o recoñecemento de Deportista de Alto Nivel para a Xunta de Galicia a pontevedresa Sara Cortegoso (taekwondo), do club Mace Sport, e que se adestra desde 2019 baixo a tutela do equipo nacional no Centro de Alto Rendemento (CAR) de Barcelona.
O piragüismo é un dos deportes con maior representación entre as novidades, con presenza doutro pontevedrés como Jaime Duro (EP Ciudad de Pontevedra), prata sub-23 no último Mundial de maratón, e tamén de Carla Sieiro (Piragüismo Poio).
Na listaxe tamén figura o regatista pontevedrés Pablo García Portela, que deu o salto á clase olímpica de vela de 49 er formando parella co vigués Martín Wizner co obxectivo de pelexar a clasificación olímpica para París 2024.
Con esta nova resolución o número de deportistas galegos recoñecidos ascende ata 584, sendo 540 deles de alto nivel, sete de alto rendemento, 30 de rendemento deportivo de base, catro técnicos, dous árbitros e un vitalicio.