Os campos de fútbol de herba natural, en perigo de extinción na comarca
Por Diego Espiño
A chegada da superficie artificial ou sintética ás instalacións deportivas revolucionou nos últimos anos o panorama do fútbol comarcal, do mesmo xeito que na maioría de rexións do país. Por unha banda a súa implantación fixo desaparecer case por completo os terreos de xogo de terra, deixando a algúns deles en estado de absoluto abandono, e polo outro colocou en perigo de extinción ás instalacións que gozaban de céspede natural.
Moitos foron os casos de equipos e concellos que apostaron polo cambio. Fíxoo por exemplo Marín cambiando o tapete natural do Estadio Municipal de San Pedro por un sintético no ano 2008, como sucedeu no campo de Vilaxoán en Vilagarcía, O Mosteiro en Meis ou o campo da Cidade Infantil de Príncipe Felipe en Pontevedra en 2015. O cambio máis recente viviuno Poio, no campo da Seca, reestreado en setembro de 2019.
"O peso máis importante de tomar a decisión foi que o campo puidese ter máis uso. Evidentemente un campo de herba natural ten un uso máis limitado, non podes facer tantos adestramentos ou meter tantos partidos na fin de semana", razoa a edil de Deportes de Poio, Marga Caldas.
"Non quere decir que esteamos en contra dos campos de herba natural, é máis, a nós teríanos gustado seguir mantendo o campo, pero tes que tomar a decisión. Non estaba sendo rentable porque non se podía usar", argumenta a concelleira sobre unha obra que ascendeu a 415.000 euros. A pesar de todo advirte unha realidade á que agora se empezan a enfrontar moitas instalacións, xa que "o sintético ten un periodo e tes que cambialo. Ten a parte boa que permite rentabilizalo pero logo ten esa outra parte que a X anos telo que cambiar, cando o natural se o coidas ben pode ser case indefinido".
Nesta situación son xa poucas as instalacións nas que se mantén o céspede natural. Máis aló do Estadio Municipal de Pasarón en Pontevedra ou A Lomba en Vilagarcía, no que se chegou a plantexar o cambio sen atopar o consenso necesario para acometelo, o certo é que as instalacións deportivas de herba pódense contar cos dedos das mans na comarca, co campo de Baltar en Portonovo, San Pedro en Vilalonga, A Senra en Ribadumia, o de Burgáns en Cambados, o Salvador Otero de A Illa, Mirallos en Moraña e As Canteiras en Cuntis, aínda que este último cun uso centrado actualmente no atletismo.
MORAÑA, UNHA EXCEPCIÓN CON APOSTA DECIDIDA POR MANTER UN CAMPO DE HERBA NATURAL
Precismente un deles, o de Moraña, é un exemplo na aposta xa minoritaria dalgúns por manter mentres sexa posible a instalación de sempre, con herba natural. Neste caso o campo de Mirallos atópase actualmente en obras para renovar as súas instalacións, estando previsto un investimento de case 450.000 euros para reformar a bancada, vestiarios ou para implantar un novo sistema de rega, pero sen cuestionar a superficie.
"Seguímolo mantendo porque cremos que é primordial, e ademais é moito mellor para os xogadores en tema de lesións", defende o presidente do Moraña CF, Germán Rúa, para quen o fútbol en terreo natural " é outra historia".
Rúa é consciente de que "costa cartos mantelo", pero defende que "dálle prestixio á localidade" permitindo mesmo que grandes equipos visiten Moraña en torneos de preparación como sucede no Carneiro ao Espeto. Ademais, resalta, "os campos de herba sintética tamén teñen un mentemento, se non tes a precaución de peinalo cada 15 días o campo váiseche en pouco tempo". No seu caso é o propio Moraña o que se ocupa da man de obra diaria no coidado, con axudas puntuais do Concello en asuntos como o sementado ou da Deputación prestando maquinaria para o seu tratamento.
O PONTEVEDRA CF E O SEU ETERNO PROBLEMA NA BUSCA DE CAMPOS PARA ADESTRAR
Iso en canto a fútbol rexional ou de base, onde a vantaxe do uso intensivo decantou a balanza na maioría de casos, pero que pasa cando miramos cara a un fútbol máis profesional? No Pontevedra Club de Fútbol sábeno ben, pois levan convivindo coa problemática de falta de campos para adestrar moito tempo.
"Es un problema", recoñece o actual director deportivo granate, Toni Otero, xa que desprazarse a adestrar aos campos que manteñen superficie natural "es inviable porque supone desplazamiento de jugadores y de material de mínimo media hora de carretera". Por ese motivo decidiron esta campaña establecer a súa sede para adestrar entre Pasarón e o campo sintético de Gatomorto, en Xeve.
Otero móstrase crítico con esta situación asegurando que "si yo jugué aquí hace 20 años y seguimos con el mismo problema pues algo mal se habrá hecho para que el Pontevedra CF no tenga un campo de hierba natural. Entre todos creo que se tenía que haber gestionado y es un problema que repercute mucho en el día a día del equipo y del club".
O director deportivo, que recoñece o esforzo que se realiza desde a entidade para tentar manter o verde de Pasarón e os plans para crear a anhelada cidade deportiva, mantense contundente na súa análise. "El club a la larga si quiere crecer y estar bien lo primero es que Pasarón esté en perfectas condiciones para poder usarlo, que ahora no lo está, y luego tener un campo de hierba natural o una pequeña ciudad deportiva. Ese es el futuro".
O tempo dirá se iso chega finalmente a ser unha realidade ou se a superficie sintética acaba de conquistar por completo os campos de fútbol da comarca.
Relacionadas:
-
A cidade deportiva do Pontevedra, un proxecto do que non se esquece Lupe Murillo: "Teño outro terreo alternativo"
Por Diego Espiño |
-
Moraña aproba o proxecto modificado do campo de fútbol de Mirallos, paso imprescindible para retomar as obras
Por Redacción |
-
Moraña modificará o proxecto do campo de Mirallos pola inflación do prezo dos materiais
Por Redacción |
-
A falta de materiais paraliza as obras do campo de fútbol de Mirallos
Por Redacción |
-
Poio dá luz verde á renovación do céspede artificial do campo da Reiboa
Por Redacción |
-
O PSOE solicita o arranxo da cantina do campo de fútbol de San Pedro
Por Redacción |
-
A rúa Camilo José Cela de Vilagarcía, un cambio de imaxe radical que a recupera para a xente
Por Redacción |
-
O campo de fútbol de Mirallos estará renovado a mediados de 2022
Por Redacción |
-
Matogueiras, cascallos e abandono: o ocaso en Pontevedra dun fútbol doutra época
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Poio presume dun renovado campo de fútbol da Seca
Por Redacción |
-
Príncipe Felipe estrea campo de herba sintética e novos vestiarios para os seus usuarios
Por Alejandro Espiño |