Un convenio de case 225.000 euros para converter Pontevedra na casa do equipo nacional de kaiak feminino
Por Diego Espiño
O Complexo Deportivo David Cal no encoro de Pontillón do Castro acolleu este mércores a presentación do novo proxecto do equipo nacional de kaiak feminino con base en Pontevedra, desde o que se buscará o reto de clasificar ao máximo número de deportistas para os Xogos Olímpicos de París 2024.
Trátase dun acordo a tres bandas entre Secretaría Xeral para o Deporte, Real Federación Española de Piragüismo e Federación Galega de Piragüismo para establecer como base do equipo o Centro Galego de Tecnificación Deportiva e as súas instalacións asociadas, como a propia pista do Pontillón.
"É un proxecto ilusionante. Temos as mellores instalacións posibles", asegurou o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, no que supón "todo un orgullo", defendeu á súa vez o presidente federativo galego, Alfredo Bea.
Pola súa banda o máximo responsable da Federación Española, Pedro Barrios, dirixiuse cara ás deportistas para resaltar que "confiamos en vosotras, os animo a seguir trabajando duro".
O certo é que este convenio ten un custo aproximado de 225.000 euros, dos que ao redor de 105.000 euros serán asumidos pola Federación Española para custear seis embarcacións individuais K1, tres embarcacións dobres K2, dúas embarcacións cuádruplas K4, unha furgoneta para o desprazamento de deportistas, un técnico, servizo de fisioterapia, aloxamento para seis deportistas e o seu mantemento durante as fins de semana.
Pola súa banda a Secretaría Xeral asumirá 120.000 euros destinados a unha embarcación a motor para o seguimento do adestramento, un nutricionista, un psicólogo, un médico especialista en medicina do deporte, mantemento durante a semana para seis deportistas, e combustible para embarcacións e furgoneta, entre outras cuestións, mentres que a Federación Galega pon á súa disposición as instalacións que xestiona ofrecendo tamén colaboración con medios materiais e técnicos para adestramentos e competicións.
A intención é que as deportistas poidan aloxarse a partir do próximo curso na residencia do propio Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
O equipo nacional de kaiak feminino está composto por dúas deportistas da provincia como Teresa Portela e Carolina García pero tamén por Sara Ouzande, Laia Pelachs, Begoña Lazkano, Miriam Vega e Mirella Vázquez, co complemento de dúas novas promesas galegas como Lara Feijoo e Irene Lata. Todo iso baixo a dirección técnica de Daniel Brage.