Presentan o torneo de fútbol 8 da Lama en homenaxe a Miguel Muíños e Antonio Gesteira
Por Redacción
Promocionar a práctica do fútbol entre a mocidade e fomentar as categorías base é o obxectivo fundamental do 'Torneo F-8 MITO´S A Lama' que está a organizar A Lama SD para o vindeiro 8 de decembro.
Nel participarán as categorías alevín e benxamín de equipos das escolas de fútbol da SCD Pontecaldelas, AJ Lérez, Pontevedra C.F., Agrupación Cultural Deportiva A Seca, C.D. Arcade, Salgueiriños C.F., Club Deportivo Arenteiro, Escola de Fútbol Lalín e Marcón Atlético.
O evento foi presentado este sábado polo presidente do club organizador, Marcial Peso, acompañado polo tenente de alcalde do Concello da Lama, David Carrera, o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, e o xogador do Somozas Carlos Pacheco, padriño do torneo.
Marical Peso, durante o acto, indicou que o torneo tamén servirá de homenaxe a Miguel Muíños e Antonio Gesteira, "dúas persoas que o deron todo polo noso club e que son exemplo de entrega e de sacrificio polos seus colores e pola práctica do fútbol na Lama".
"Queremos que este torneo contribúa a darle visibilidade ao seu traballo e esforzo altruísta e que queden na memoria colectiva do noso club rememorándoos cada ano con este torneo", que se estreará este ano coa súa primeira edición.
"Quixemos darlle a este torneo un marcado sentido de promoción e fomento da práctica do deporte base, neste caso do fútbol, entre a mocidade do noso municipio achegando mediante este modelo de competición, moi dinámica e vistosa, o traballo que están a levar a cabo as escolas de fútbol máis senlleiras da nosa zona de influencia ás que agradecemos non só a súa participación senón o magnífico labor de promoción deste deporte e como elemento fundamental na formación das novas xeracións en valores tan importantes como o compañerismo, a sociabilidade e a cultura do traballo e o esforzo", concluíu Peso.
Pola súa banda, o tenente de alcalde da Lama, David Carrera, sinalou a súa satisfacción pola iniciativa e dixo que "é motivo de felicitación e de alegría acoller no campo municipal de Racelo iniciativas destas características que contribúen non só a homenaxear a dúas persoas emblemáticas da Lama como Miguel e Toño (MI-TO) senón que tamén axuda a promocionar a práctica deportiva no noso municipio.
Ademais servirá de elemento de dinamización económica e turística xa que moitas familias se achegarán ata aquí para presenciar o torneo e aproveitarán para pasear, coñecer, xantar e mesmo consumir na Lama".