Eugenia Gil, atleta da Gimnástica, mellor árbitra da tempada da liga Iberdrola
Por Redacción
A árbitra de fútbol e atleta da Sociedade Gimnástica Eugenia Gil recibiu este martes o premio Marca do deporte femenino á mellor árbitra da tempada. É a primeira vez que unha colexiada galega recibe esta distinción.
Estremeña de nacemento e coruñesa de adopción, Gil Soriano cumpre a súa terceira tempada na máxima categoría do fútbol feminino nacional, a Primeira Iberdrola. Ademais, xa conta con experiencia internacional, posto que o pasado curso exerceu como cuarta árbitra no partido clasificatorio para o Europeo feminino que enfrontou ás seleccións de Gales e Noruega.
Cos exemplos para seguir de Guadalupe Porras, primeira árbitra española en participar nunha competición internacional masculina; ou de Stéphanie Frappart, primeira muller en dirixir un partido da máxima competición continental masculina; Eugenia Gil declarou ao recibir o galardón que " é un orgullo e unha motivación para romper fronteiras e chegar lonxe".
Unha vez coñecida a noticia, as felicitacións non tardaron en chegar. Unha das máis especiais chegou desde o seu club de atletismo, desde o que aseguran que "a nivel colectivo é unha das atletas que máis achega nas ligas, tanto atléticamente falando, xa que puntúa no 400 e na substitución; como persoalmente, porque a súa alegría, humildade, e compañeirismo, axudan a conseguir un bo ambiente entre todas as integrantes do equipo".
Eugenia Gil asinou pola escuadra pontevedresa no 2019 e compatibiliza a arbitraxe coa súa especialidade atlética, que é os 400 metros lisos. Con todo, tamén compite noutras probas como os 400 valos, os 800 lisos ou probas de velocidade explosiva como os 100 ou 200 metros lisos.
No seu palmarés figuran medallas a nivel autonómico e nacional, de feito é a vixente subcampioa galega dos 400 metros lisos e comparte coas súas compañeiras o título galego do 4x400.
Relacionadas:
-
Seis novas caras no equipo feminino da Gimnástica para soñar co ascenso a División de Honra
Por Redacción |
-
O Campionato Galego de Campo a través aterra na Illa das Esculturas
Por Redacción |
-
Bo ambiente e ilusión na XI edición da carreira popular Pinga-Pinga
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Unha San Silvestre "o máis normal que se poida"
Por Diego Espiño |
-
Manuel Hurtado e Edymar Brea corónanse no Medio Maratón de Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz |