Iago Abe e Verónica Bugliot coróanse no primeiro trail do Portalén
Por Redacción
O Concello da Lama foi escenario esta fin de semana do nacemento dunha nova proba de Trail en Galicia. A serra do Cando, co seu misterioso "Portalén", foi o monte elixido onde máis de 250 corredores desafiaron a climatoloxía para participar nalgunha das tres modalidades ofertadas: andaina, minitrail e trail.
O minitrail contou cun trazado de 15 quilómetros, uns 550 de desnivel positivo e un terreo moi embarrado no que o corredor de Cambados Óscar Guerra impúxose cun tempo de 1 hora e 14 minutos a Daniel Feijoo e ao tamén cambadés Maxi Oubiña.
Na categoría feminina do minitrail sería Lucía Peón a primeira en chegar a meta na praia fluvial do río Verdugo nun tempo de 1 hora e 35 minutos. A corredora do Arenteiro sería escoltada no podium por Idoia Agulleiro e Lucía López, que entraban case xuntas na meta nun tempo de 1:43 minutos.
A proba raíña, de 30 quilómetros e 1.400 metros de desnivel positivo, estivo marcada pola intensa néboa, vento e choiva que azotaba no cumio do monte Seixo e que dificultou a visión da balizaxe que indicaba o percorrido.
Os corredores Iago Abe Ledo e Verónica Bugliot amosaron o seu gran estado de forma, levantando a cinta de meta en 2 horas e 37 minutos para o corredor do Xesteiras e en 3 horas e 26 minutos para a corredora dos Corzos de Ortegal.
Eduardo Sotelo, Abel Barros, Nuria Romero e Shirley Carolina completaron o podio.