Saleta Castro finaliza a tempada cun décimo quinto posto no mundial de tríatlon cros
Por Redacción
O Centro Internacional de Innovación Deportiva no Medio Natural El Anillo, en Cáceres, albergou este domingo 31 de outubro os Campionatos de España e do Mundo de Tríatlon Cros. Nunha xornada marcada pola choiva e o barro, a triatleta pontevedresa Saleta Castro non tivo o seu mellor día e acabou a competición en décimo quinto lugar.
En categoría elite feminina, a vitoria foi para a suíza Loanne Duvoisin, que completou o percorrido nun tempo dunha hora, 37 minutos e 42 segundos. No segmento de natación foi a francesa Margot Garabedian quen demostrou a súa superioridade logrando avantaxar nun minuto a Sandra Mairhofer, Michelle Flipo, Aneta Grabmullerova e Lucía Vergara.
Pero como ocorreu na categoría masculina, o segmento de ciclismo foi determinante no devir da proba e Loanne Duvoisin xestou a súa vitoria aproveitando as pedras e o barro que había no circuíto. A suíza tamén foi a mellor nos seis quilómetros de carreira a pé e fíxose con total superioridade co triunfo de campioa do Mundo.
A segunda praza foi para Sandra Mairhofer, cunha hora, 39 minutos e 35 segundos, e a terceira posición para Aneta Grabmullerova cunha hora, 41 minutos e 27 segundos.
Pola súa banda, Saleta Castro completou o percorrido nunha hora, 53 minutos e 14 segundos. Coa participación neste campionato do mundo, a pontevedresa dá por finalizada unha tempada que acabou con dous retos de altura: a Titan Desert e o propio mundial de tríatlon Cros.
Na categoría elite masculina a vitoria recaeu no francés Arthur Serrieres, que detivo o cronómetro nun tempo dunha hora, 23 minutos e 43 segundos.
Relacionadas:
-
Saleta Castro retírase en pleno Ironman de Lanzarote por unha indisposición
Por Almu Dapena |
-
Saleta Castro consegue o segundo posto no Infinitri Half de Peñíscola
Por Diego Espiño |
-
Os triatletas Saleta Castro e Víctor Benages, ilesos despois de sufrir un accidente de tráfico
Por Redacción |
-
Saleta Castro, podio na Titan Desert en Marrocos superando "probablemente a semana máis dura das nosas vidas"
Por Diego Espiño |
-
Trepidante final de tempada para Saleta Castro, coa Titan Desert e o Mundial de Tríatlon Cros
Por Diego Espiño |