O primeiro Trail Portalén reunirá 300 corredores na Lama
Por Redacción
O Concello da Lama acollerá o domingo 31 de outubro o Trail Portalén. Unha proba pedestre extrema incluida no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo que se celebrará por primeira vez neste municipio.
O evento foi presentado este martes polo tenente de alcalde David Carrera, o concelleiro de Deportes, Daniel Vidal; e o representante do Deportiva Invictus Club, Rubén Iglesias. A organización espera que participen máis de 300 corredores, polo de agora están anotados xa 275 persoas, pero o prazo de inscripción segue aberto.
Segundo Rubén Iglesias, a proba está concebida para que os amantes do atletismo de montaña e os sendeiristas poidan participar dunha xornada de encontro coa natureza, “entre paraxes impresionantes” que rematará ao mediodía cun xantar popular a base de callos ofrecido polo Concello da Lama.
A proba terá diferentes percorridos e graos de dificultade en función da preparación dos participantes. Así a proba máis dura e máis completa será a de 30 quilómetros con saída e chegada na aldea do Verdugo e que percorrerá, de xeito circular, os lugares do Peso, As Chozas, San Lourenzo, Barbeira, Santa Mariña, Portalén, Gabián, Cambeses, Mirador das Tres Rías, Covelo, Carrizáns, O Peso e remate no Verdugo. Como punto de especial interese, hai que salientar o paso polo Mirador das Tres Rías, Portalén e Santa Mariña.
Para os menos atrevidos, a organización ofrecerá aos corredores inscritos a Mini-Trail de 15 quilómetros e os que prefiran facer esta mesma distancia a pé, camiñando, haberá unha andaina tamén de 15 quilómetros.
Os participantes irán provistos dun chip de seguemento e xeolocalización a través da tecnoloxía GPS co fin de que, en caso de que se producira algún incidente todos e cada un dos corredores estivera sempre localizado para poder intervir no caso de que fora necesario.
O circuito por onde descurrirán as probas está perfectamente estaquillado, sinalizado e balizado para que ninguén se extravíe e haberá tamén 6 puntos de avituallamento na proba para que os participantes poidan pasar control e repoñer forzas para rematar a carreira.
Os corredores deberán ser todos maiores de 18 anos e os que aínda non formalizaron a súa inscrición poderán facela na páxina web da organización (www.trailportalen.es). No caso dos participantes na proba longa o prezo da súa inscrición é de 20 euros mentras que os demais terán unha tasa de 15 euros que será destinada a correr cos gastos do seguro, o merchandising que se lle entregará a cada corredor e, ademais, colaborarase coa entidade benéfica “Huellas Felinas”, entidade protectora de gatos.