O 'skate' reclama atención en Pontevedra cunha proba do circuíto galego
Por Redacción
Ao redor de 45 skaters de diferentes puntos de Galicia participarán este sábado 30 de outubro en Pontevedra na 5ª Proba do Circuito Gallego de Skate Júnior.
Trátase dun evento organizado pola escola de skate da Urban Culture Factory en colaboración coa Federación Galega de Patinaxe, a Concellería de Deportes e a Deputación, desenvolverase na modalidade de rampla nas instalacións indoor que a Urban Culture posúe na Avenida das Corvaceiras. Farao con limitación de aforo permitindo só o acceso a pais e adestradores.
Máis que un evento a competición é toda unha chamada de atención cara a unha modalidade deportiva olímpica nos Xogos de Tokyo.
Para o edil de Deportes, Tino Fernández, é "un deporte moi practicado en Pontevedra, pero polo que non se apostou ata o de agora traendo competicións como esta. Estou seguro de que será a primeira de moitas que se irán traendo á nosa cidade", sinalou na presentación do campionato xunto ao responsable da organización e da escola pontevedresa, Toño Escudero, o adestrador Tato Ezequiel Pinto, e os skaters Rodrigo Fontán, Feljos Rondón, Yago Montejo, Nora de la Fuente e Xan Escudero (11).
O evento contará coa participación de nomes destacados como Valentina Planes, que recentemente conseguiu un terceiro posto nas Urban World Series celebradas en Madrid.