Bueu recupera a súa Gala do Deporte seis anos despois
Por Redacción
Seis anos despois da última vez o Concello de Bueu celebrará unha nova edición da súa Gala do Deporte local.
O evento terá lugar o vindeiro sábado 23 de outubro no Centro Social do Mar ás 20.00 horas, e nel entregaranse premios en dez categorías deportivas: mellor deportista de base masculino e feminina; mellor deportista absoluto masculino e feminina; mellor deportista promesa; mellor deportista veterano; mellor entidade deportiva; e mellor adestrador ou adestradora. Ademais concederanse dous premios extraordinarios á excelencia deportiva e á dedicación de toda unha vida no deporte.
A gala estará presentada polo xornalista deportivo Fran Cañotas, e contará cona música do grupo local Juyma Estévez Trío.
"É para nós moi importante recuperar este evento xusto despois dun ano complexo atravesado pola pandemia e no que os clubs tiveron que facer grandes esforzos por continuar coas súas actividades", explicou sobre a gala o concelleiro de Deportes, Ricardo Verde.
Os gañadores daranse a coñecer na propia gala, despois de que cada club puidese presentar as súas candidaturas para cada categoría.