Confianza no Arosa para deixar atrás ante o Navalcarnero as súas tres derrotas consecutivas
Por Diego Espiño
Tres derrotas consecutivas non minaron a confianza dun Arosa que este domingo (19.00 horas) recibe o Navalcarnero na Lomba coa intención de conseguir os tres puntos en xogo e relanzarse na clasificación.
"Está a faltarnos ese chisco de sorte necesaria, pero creo que nestes partidos estamos máis preto de puntuar que de perder", analiza o adestrador arlequinado Jorge Otero.
Pola súa banda o dianteiro Pedro Beda recoñece que o plantel ten "un pouco sentimento de rabia, non é que nos gañen porque sexan mellores que nós", pero apela a "confiar no traballo porque estou seguro de que as vitorias van chegar".
Os de Vilagarcía seguen tendo fe no seu plan aínda que "nos falta quizais ser un pouco máis contundentes nas áreas", asegura o seu técnico.
Otero espera fronte ao Navalcarnero, equipo co que están empatados a 7 puntos, a un rival "que lle gusta ter moito o balón, que combina, é un equipo que se lle deixamos xogar ou non somos intensos en defensa imos ter problemas".
O colexiado do encontro será o asturiano Martín Carlos Agudo Daza.