A carreira popular Pinga-Pinga volve coa súa XI edición
Por Redacción
Despois dun ano de parón obrigado pola pandemia, a carreira popular Pinga- Pinga de Marín regresa coa súa XI edición en Santo Tomé de Piñeiro.
A proba tenta retomar a normalidade cunha xornada deportiva prevista para a tarde do próximo sábado 23 de outubro.
"Este ano, consecuencia das medidas sanitarias actuais, será unha Pinga-Pinga diferente, onde a seguridade primará por encima de todo (límite de participantes, aforo controlado…), pero desde a organización estamos a traballar para que, a pesar de todo, non se perda o espírito", sinalan desde o Club Deportivo Pinarium, organizador da carreira.
A actividade, que terá como punto central o campo de fútbol de Chan de Piñeiro, iniciarase ás 16.05 horas da tarde coas carreiras de menores na instalación deportiva, e ás 17.00 horas terá lugar a carreira sénior con 7,5 quilómetros de distancia nun percorrido de tres voltas a un circuíto circular con saída e chegada ao propio Chan de Piñeiro.
Ademais está prevista a celebración dunha andaina ás 16.00 horas cunha opción longa de 10 quilómetros e outra máis curta de 5 quilómetros.