O PP denuncia "falta de previsión" nas escolas deportivas municipais ao deixar fóra a novas entidades
Por Redacción
A repartición de prazas nas escolas deportivas municipais foi motivo de crítica por parte do Partido Popular de Pontevedra ao entender como "discriminatorio" a non participación de entidades deportivas de nova creación.
"Non se tivo en conta que, tras un ano de parón, podería haber novos clubs interesados en participar desta convocatoria", acusou o edil popular Guille Juncal ao terse en conta soamente na oferta inicial aos clubs que participaron neste programa de deporte base na tempada 19-20, antes da irrupción da pandemia.
"Pontevedra foi unha das últimas cidades en dar luz verde ao comezo das mesmas, polo que o Servizo de Deportes tivo tempo máis que suficiente para prever o interese de novas entidades e para poder realizar os trámites necesarios para a inclusión nas mesmas; ademais, esta é unha decisión que consideramos discriminatoria e que atenta contra o principio de igualdade entre clubs que debería rexer todas as decisións tomadas desde a Concellería de Deportes", defende Juncal.
O responsable de deportes do PP local entende que este proceso fará que varios clubs comecen a súa actividade "nunha posición de clara desvantaxe competitiva fronte a outras entidades" nunha decisión que cualificou de "inxusta".
567 PRAZAS DAS ESCOLAS, XESTIONADAS DIRECTAMENTE POLOS CLUBS
Tras a publicación de admitidos nas escolas deportivas municipais por parte do Concello, o edil de Deportes matizou este mércores as cifras ofrecidas nun primeiro momento e que sinalaban que se formalizou 1.250 inscricións.
A este número, sinala Tino Fernández, únese "unha oferta en xestión propia dos clubs que é de 567 prazas, o que sitúa a demanda inicial en 1.817 peticións".
Fernández precisou que "a xestión directa dos equipos ten varias casuísticas, pero a principal é que se trata dunha oferta que os clubs fan aos nenos e nenas na edición anterior ou en actividades de verán para garantirlles que teñen a praza asegurada no caso dun exceso de demanda da oferta pública".
Relacionadas:
-
As escolas deportivas municipais pechan o período inscrición sen cubrir todas as súas prazas
Por Redacción |
-
Rexistradas medio milleiro de solicitudes no primeiro día de inscrición das escolas deportivas municipais
Por Redacción |
-
O Concello anuncia a apertura de inscricións para as escolas deportivas municipais
Por Diego Espiño |