Sestelo sofre fisura de tabique nasal ao chocar co porteiro Edu no adestramento do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Non foi tranquila a volta o traballo do Pontevedra. No adestramento celebrado no campo de Príncipe Felipe houbo sensacións contraditorias xa que por un lado se rexistrou a participación de todo o equipo, a excepción de Tubo, e mesmo o capitán Caco puido por fin completar a sesión, acudindo logo a recibir a alta médica despois da súa longa convalecencia da intervención de xeonllo a que foi sometido hai meses, pero por outro produciuse un contratempo nun choque fortuíto entre Sestelo e o porteiro Edu, que rematou co defensa central no Hospital Miguel Domínguez, onde o médico do club, o doutor Alberto Domínguez, lle diagnosticou fisura de tabique nasal.
O adestramento empezaba arredor das catro e media da tarde e despois da parte física, Milo ordenou diversos rondos entre todos os xogadores, para logo distribuílos en equipos de seis compoñentes para xogar partidillos en espazos reducidos.
Caco recibe a alta médica e xa está plenamente dispoñible
Como indicamos, o único ausente do traballo foi Tubo, que non se exercitou ao resentirse dunhas molestias nas costas, consecuencia dun golpe sufrido no partido de Barbadás. Pola contra o capitán Caco puido por fin realizar a sesión íntegra, coa única excepción da parte dedicada a potencia, para unha vez finalizada dirixirse a recoller a alta médica que lle permite poñerse plenamente a disposición do adestrador.
Caco estaba visiblemente contento. Atrás queda un longo calvario tras a intervención cirúrxica a que foi sometido, para volver sentirse xogador. Agora só lle queda pensar en coller ritmo de xogo, soñando xa con que a reaparición no equipo está moi próxima.
A outra cara da moeda era Sestelo. Nun dos exercicios sufriu un forte encontrón con Edu e, como dixo o mesmo defensa central, "deseguida notei como un estalo na cara e souben que algo tiña. O doutor acábame de dicir que había fisura de tabique, pero como a zona está moi inflamada terá que verme de novo mañá (polo xoves) e volver facerme placas para saber o alcance".
A pesar do contratempo Sestelo mostrábase de bo humor: "O curioso é que non sinto dor, xa veremos cando baixe a inflamación. ÿ unha lata porque saio dunha lesión, pero se hai que xogar con máscara se xoga".
O equipo granate volverá adestrar o xoves, pero aproveitando a festividade do día farao en sesión matinal, a partir das 10, de novo no campo de Príncipe Felipe.