A historia avala unha reacción do Pontevedra en Luanco
Por Diego Espiño
Despois de encadear cinco xornadas sen gañar no arranque ligueiro, o Pontevedra Club de Fútbol necesita sen máis dilación un triunfo que comece a acougar as augas e outorgue tempo ao proxecto encabezado por Ángel Rodríguez.
Iso pasa para os granates por vencer o vindeiro domingo (17.00 horas) a domicilio o Marino de Luanco, décimo clasificado do grupo con 6 puntos, dous máis que o Pontevedra.
Nunha situación como a actual calquera detalle pode ser importante, e polo menos o da historia, aínda que non conte moito unha vez empece a rodar o balón, convida o optimismo cunha especie de vitoria moral para os da Boa Vila.
Nas 12 veces que se mediron en competición oficial pontevedreses e asturianos, o Pontevedra só saíu derrotado nunha ocasión, mentres que venceu 8 partidos e 3 concluíron en empate.
A única derrota data da campaña 02-03, con José Aurelio Gay no banco, cando o Marino impúxose na súa casa por 1-0, e é que o Estadio Municipal de Miramar déuselle bastante ben aos granates ao longo dos anos cun empate na 96-97 (0-0) e vitorias na liga na 01-02 (1-2), a 07-08 (0-1) e a 08-09 (0-1), as dúas últimas xa con Charles no plantel.
A eses resultados súmase o triunfo na fase nacional da Copa Federación da 15-16, con Luisito ao cargo do equipo (0-1). É dicir, o cadro da cidade de Lérez encadea catro partidos consecutivos gañando en Luanco.
A última vez que ambos os dous conxuntos cruzaron os seus camiños foi na tempada 19-20, a da irrupción da covid, pero só se mediron na primeira volta da liga en Pasarón con goleada local por 3-0 antes da suspensión da competición.
Un bo presaxio ao que deberán darlle continuidade os de Ángel Rodríguez se non queren verse metidos nun pozo máis profundo do que están na actualidade, porque só os tres puntos cambiarán a cara dun equipo ao que case nada lle saíu ben no inicio de tempada.