Pais e nais condenados, polo momento, a ver os partidos dos seus fillos desde a rúa
Por Diego Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O inicio da tempada deportiva nas competicións de base, especialmente no fútbol polo número xogadores federados e equipos implicados, está a deixar unha imaxe tremendamente rechamante, a de pais e nais apiñados no exterior das instalacións municipais para tentar seguir o partido dos seus fillos.
O motivo é que, polo de agora, o Concello de Pontevedra non permite a entrada de público aos partidos de base que se disputan nas súas instalacións.
Esta negativa baséase no cumprimento da normativa e protocolo de prevención contra a covid aprobado no seu momento, e que establece que despois de cada encontro, no caso de contar con público, deben desinfectarse as instalacións antes do seguinte partido.
Para cumprir esta medida de maneira estrita sería necesario por tanto reducir o número de encontros fixados, algo problemático en instalacións cunha importante saturación como son por exemplo os campos da Xunqueira. Outros, aínda que con menos uso, vense prexudicados por esta circunstancia ao non contar co persoal necesario ou para evitar agravios comparativos.
Ante esta disxuntiva, fontes municipais defenden a opción de poder celebrar os partidos de todos os equipos antes que ter que recortar horarios. Iso si, recoñecen que a situación non é a idónea e esperan poder poñerlle solución nun curto período de tempo.
Mentres iso non sucede as queixas entre pais e nais son diarias, sobre todo porque se trata dunha imaxe que non se está a ver en competicións deportivas celebradas en concellos veciños ou en campos que non son de titularidade municipal. Ademais, entenden que as aglomeracións que se producen nalgúns momentos nos exteriores das instalacións poden supoñer un maior problema que repartir o público polas bancadas.
OS CLUBS DEBEN ENVIAR UNHA PETICIÓN AO SERVIZO DE DEPORTES
Por mor desta información o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quixo puntualizar que "non é que o Concello deixe ou non deixe. Os campos teñen un aforo determinado e sobre ese aforo pódese actuar a través dos clubs, que son os que teñen que organizar a entrada dos campos. Se os clubs queren que os pais ou afeccionados vaian ver os partidos o que deben é presentar unha solicitude e cumprir a normativa".
Segundo o edil son as entidades deportivas as que deben enviar ademais dunha petición ao Servizo unicipal de Deportes un protocolo "onde se recolla como se vai a xestionar iso, porque como mínimo debe ter unha persoa no control de acceso que tome nome, apelidos e contacto de cada un dos que entre e outra persoa na bancada para controlar que se manteña a seguridade ata completar o aforo", explicou.
Tendo en cuenta a obrigatoriedade de manter a distancia interpersoal, estes aforos por exemplo na Xunqueira son polo momento de 70 persoas no campo principal, de ao redor de 30 persoas no segundo e de 20 no campo de fútbol-8.
Relacionadas:
-
O PP pide que se permita o acceso aos pais aos adestramentos dos seus fillos nas canchas da Xunqueira
Por Redacción |
-
O PP pide atrasar ao verán a renovación do campo de fútbol da Xunqueira II
Por Redacción |
-
Tino Fernández insiste en que "os pais e as nais pidan explicacións aos clubs" sobre a non entrada aos partidos de base
Por Diego Espiño |
-
O PP pide a Tino Fernández "que deixe a prepotencia a un lado e escoite o tecido deportivo desta cidade"
Por Diego Espiño |
-
Tino Fernández, sobre a non entrada de pais e nais aos partidos de base: "Son ganas de leria por parte dalgúns"
Por Diego Espiño |
-
O Concello traballa na reactivación das escolas deportivas para o mes de outubro
Por Redacción |