Pólvora arriba e fraxilidade atrás: "Hai 4 puntos que se nos escaparon no desconto que non debería pasar"
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol ten moito traballo por diante para cumprir as expectativas creadas ao redor do equipo, cuxo obxectivo é o ascenso de categoría pero que iniciou a competición sumando soamente 3 puntos de 12 posibles.
Os de Ángel Rodríguez encadearon momentos de bo xogo e mesmo de solidez con erros graves de concentración que lle custaron xa demasiados puntos. "Hai 4 puntos que se nos escaparon no desconto que non debería pasar", recoñeceu o técnico tras finalizar o choque contra o Bergantiños e ver como o rival igualaba nos últimos minutos un 0-2 que achegaba a primeira vitoria da tempada.
"Non se se falta de concentración ou falta de madurez, é algo que traballamos durante toda a semana, sabiamos que viñamos ao campo dun equipo que metía moito centro lateral e non estivemos ben nesa faceta. Dous remates dous goles", resumía Rodríguez ante os medios de comunicación.
A situación é sen dúbida preocupante, e é que os granates son xunto a outros catro equipos os máis goleados da categoría con 7 tantos en contra, moitos deles propiciados por erros propios.
A situación contrasta cos números ofensivos, que sen ser espectaculares e a pesar de fallar ocasións claras, son positivos porque o Pontevedra viu porta nas catro xornadas, destacando os tres goles de Charles e os dous logrados por Rufo. Cifras que aínda que afastadas dos 10 tantos logrados polo líder Unión Adarve deberían supoñer máis puntos, xa que os pontevedreses estiveron en vantaxe en tres das súas catro xornadas sen conseguir pechar o partido ao seu favor.
"Non nolo explicamos", asegurou en Carballo uno dos pesos pesados do plantel como Rufo, aínda que o ariete madrileño pedía no posible paciencia porque "non é unha liga tan curta como a do ano pasado, así que hai que ter tranquilidade e canto antes empezar a enlazar vitorias", sinalou convencido de "darlle a volta a isto".
Para conseguilo o primeiro será analizar o sucedido para poñerlle remedio antes da visita o vindeiro domingo do Arenteiro a Pasarón. O técnico recoñece neste sentido que "temos que mellorar cousas", pero móstrase seguro que "en canto o fagamos os resultados chegarán".