O Marín Futsal non pode co Torreblanca Melilla a pesar de pelexar ata o final (3-1)
Por Almu Dapena
Segue sen coñecer a vitoria esta tempada o Marín Futsal, que caeu esta fin de semana na súa visita ao Torreblanca Melilla por 3-1. Un resultado que non reflicte o que foi en realidade o partido, xa que o recentemente ascendido pelexou e tivo as súas opcións para facerse cos puntos que estaban en xogo.
Fíxose co control de esférico o conxunto local, pero o Marín, moi ben colocado, defendía con uñas e dentes a súa portería evitando o gol rival e mesmo tendo a ocasión máis clara de toda a primeira metade. Ceci regateou á zaga melillense pero o seu disparo non viu porta. Xusto despois desa acción individual, replicó o Torreblanca cun remate de Juliana.
Cando se alcanzaba a metade do primeiro acto chegou o gol local. Lydia, a pase de Bía, enviou o balón á rede adiantando ao seu equipo. Minutos despois, Bía pasou de asistente a goleadora para ampliar a renda local facendo o 2-0.
O Marín seguía moi dentro do partido e rozaba o gol cun disparo de Adri que se estrelou no traveseiro, animando ao seu equipo a que dese un paso adiante e non se dese por vencido.
Despois do descanso, Ceci meteu de cheo ao Marín no partido. De falta directa superou á barreira e a Sara Soares reducindo distancias.
Xa nos últimos compases, as marinenses optaron por xogo de cinco con Pau. Tivo outra vez en Ceci a opción do empate pero foron as de Melilla as que sentenciaron. Juliana saíu á contra, pillando ao Marín descolocado, gañou liña de fondo e habilitou ao segundo pau a Nona, que anotou o 3-1 final.
TORREBLANCA (3): Sara Soares; Guti, Juliana, Bía e Nona (quinteto inicial). Tamén xogaron, Julia, Clara, Jhennif, Nerea Miralles e Lydia.
MARÍN FUTSAL (1): Silvia; Café, Gabi, Ceci e María León (quinteto inicial). Tamén xogaron, Adri e Pau.
Goles: 1-0, min. 10 Lida. 2-0, min. 13 Bía. 2-1, min. 27 Ceci. 3-1, min. 40 Nona.
Incidencias: Pavillón Javier Imbroda. Máis dun centenar de espectadores. Amoestaron a Lu e Café no Marín FS e a Nona e ao adestrador do Torreblanca Melilla.
Relacionadas:
-
O Marín Futsal deixa escapar a súa primeira vitoria no último minuto contra o Ourense Envialia (1-1)
Por Almu Dapena |
-
Silvia, Caridad e Luci, convocadas pola Selección Española para a fase previa do Europeo
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar faise co derbi contra o Marín Futsal (0-2)
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |