O Cisne viste de longo antes do seu debut na liga
Por Manu Otero & Mónica Patxot
O Cisne inicia este sábado contra o Atlético Novás un longo camiño na División de Honor Prata que, desexan, terminará co regreso do club a Asobal, aínda que o primeiro paso debe ser certificar canto antes a permanencia. Das metas inmediatas e futuras, así como do crecemento do club nos últimos anos falaron os protagonistas este martes na presentación oficial do equipo que tivo lugar na espazo gastronómico do Mercado de Abastos de Pontevedra.
Todos os integrantes do primeiro equipo, corpo técnico e directiva déronse cita na praza para presentarse diante da súa afección. Un a un foron chamados para posar para unha foto de grupo e dedicarlle logo unhas palabras aos afeccionados que acudiron a presenciar o evento.
O capitán, Javi Vázquez, foi o primeiro en tomar a palabra para agradecer tanto á afección, como aos patrocinadores e institucións un apoio fundamental para facer realidade os últimos éxitos do conxunto branco. Sobre a nova tempada, augurou que será "complicada" pola dificultade da categoría e polo "cambio de xeración" no plantel. Por iso volveu pedir á inchada que apoie ao equipo xa desde o inicio para poder "estar arriba".
Nun sentido similar pronunciouse o adestrador, Javier Fernández, Jabato. "Sabemos a dificultade que ten a División de Honra Prata", puntualizou para contrarrestar o optimismo dalgún sector da afección e das propias institucións que ven ao Cisne como principal candidato ao ascenso. "Non será nada fácil", insistiu Jabato que pediu centrar máis a atención no crecemento dos canteiráns que pasan este ano a formar parte do primeiro equipo que nos resultados.
Antes de que tomase a palabra o presidente Santi Picallo, foi a quenda dos representantes institucionais. Daniel Benavides, por parte da Secretaría Xeral para o Deporte, Gorka Gómez, por parte da Deputación de Pontevedra; e Tino Fernández, por parte do Concello; coincidiron en destacar ao Cisne como un referente non só no plano deportivo, tamén no labor formativo dos seus xogadores máis novos e no coidado da canteira. Non se esqueceron tampouco de lembrar a xesta que supuxo o título de campións de España xuvenís.
"Estou convencido de que faremos unha moi boa tempada", rematou Picallo un discurso no que quixo facer fincapé no crecemento do club tanto en número de socios, como en instalacións e, sobre todo, no rendemento da canteira. Boa parte dos xuvenís campións de España formarán parte este ano do primeiro equipo. "Son un expoñente do que significa este club", dixo sobre eles convencido de que "van apertar aos veteranos".
Non quixo esquecerse o dirixente cisneísta do aspecto económico. Despois de agradecer o apoio de patrocinadores e institucións, lembrou que, a pesar do bo facer do primeiro equipo e das categorías inferiores, o club carece aínda dun patrocinador principal, un apoio que resultaría fundamental para alcanzar os obxectivos propostos e seguir crecendo porque "o Cisne é un club en crecemento", concluiu un orgulloso Santi Picallo.
Relacionadas:
-
O Cisne regresa pola porta grande superando a un débil Atlético Novás (29-21)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Cisne e Teucro inician o curso con ilusións renovadas
Por Redacción |
-
O Cisne cae ante o Cangas nunha final da Supercopa Galicia homenaxe a Fran Teixeira
Por Redacción |
-
O Cisne xogará a final da Supercopa Galicia contra o Cangas tras derrotar o Novás
Por Redacción |
-
O Cisne participa esta fin de semana na Copa Galicia de balonmán
Por Redacción |
-
O Cisne busca abono para seguir crecendo
Por Manu Otero |