Recado de Ángel Rodríguez aos seus xogadores: "Temos que buscar alternativas para algúns postos"
Por Manu Otero
Van só tres xornadas de liga, pero o Pontevedra atópase xa diante dun punto de inflexión. Así o recoñeceu o máximo responsable do banco tras a derrota en Pasarón contra o Leganés B cando sinalou con total claridade a algúns xogadores por cometer erros individuais reiterados que están a afectar ao colectivo.
"Temos que facer exame de conciencia, sobre todo eu e pensar en que aqueles xogadores que están a cometer erros de maneira continuada se deben ou non estar no once", dixo na rolda de prensa posterior ao partido do domingo. "Temos que buscar alternativas para algúns postos e aqueles que estean mellor terán a oportunidade de entrar no once", continuou. "Hai accións puntuais de xogadores puntuais e o responsable de seguir poñéndoos son eu. Non podo seguir permitindo isto", insistiu.
Aínda que foi o único nome que citou e que acaparou as maiores críticas do técnico, Álex González non é o único sinalado. A defensa, sobre todo no segundo gol recibido, tamén recibiu o seu tirón de orellas. "Regalamos o partido. Regalamos dous goles que non deberiamos conceder, sobre todo o segundo. Todo o que nos pasa en contra é porque o concedemos nós. Facemos fincapé no balón parado e seguimos encaixando gol, facemos fincapé na concentración e os goles son fallos de concentración", criticou Ángel Rodríguez.
O preparador leonés compareceu diante dos medios moi enfadado polo desenvolvemento do partido, pero co que foi máis duro foi co capitán do equipo. "Cunha amarela hai un minuto non podo learme cun adversario nunha rifa. Con 32 anos que suceda isto, dóeme. Con 32 anos ten que ter as cousas moito máis claras", salientou o adestrador. Neste sentido, Rodríguez reclamou máis intelixencia ao extremo cántabro. "Se es futbolista e estás no campo e sabes que o árbitro é de cartolina fácil, pois terás que ter máis coidado se tes unha", engadiu sen querer entrar a valorar se a resposta de González foi a unha provocación do rival.
"Álex deixa ao equipo con dez e tocounos remar o dobre para non chegar", criticou o técnico, quen interpreta que a súa reacción foi como resposta a un erro na marcaxe que derivou no primeiro gol do cadro madrileño. "No primeiro gol solta a súa marca, ao soltar a súa marca dáse conta de que cometeu un erro e seguramente nese estado de nerviosismo comete o segundo. É a percepción que teño do que pasou con Álex no campo", argumentou.
Á marxe destes erros individuais, Rodríguez quixo encomiar a reacción do equipo no segundo tempo para poñer contra as cordas ao Leganés B a pesar de xogar unha hora cun futbolista menos. "Estou enormemente satisfeito por como se implicaron na segunda parte", agradeceu.
Un factor fundamental na resurrección do equipo foi Rufo, que volveu ser suplente para desesperación da inchada granate. Algo que pode cambiar moi pronto a xulgar polo devandito por Ángel Rodríguez tras o partido. "Aquí gusta moito que Charles e Rufo xoguen xuntos e van ter o seu momento para participar. O proceso de maduración do equipo ten que seguir e seguramente unha parte importante vai estar en que eles aparezan. Por agora decidín seguir así, pero se teño que cambiar poden xogar Rufo e Charles perfectamente. Entendo que a afección exprese o seu gusto", rematou.
Relacionadas:
-
Ángel Rodríguez: "Necesitamos un resultado positivo xa"
Por Manu Otero |
-
Volta ás andadas do Pontevedra: de gañar o Bergantiños 0-2 a empatar no desconto
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez reclama concentración para conseguir a primeira vitoria
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra quere que a afección acompañe o equipo a Carballo
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra inmólase e cae contra o Leganés B (1-2)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |