A Subida a Escusa, preparada para estrearse no calendario nacional "co mesmo trazado de sempre"
Por Diego Espiño
É unha cita imprescindible no calendario automobilístico galego e pretende selo a partir de agora tamén a nivel nacional.
A popular Subida a Escusa chega esta próxima fin de semana, o sábado 18 e o domingo 19 de setembro, á súa XXI edición e faino subindo de categoría para estrearse como cita puntuable para a Copa de España de Escuderías.
Trátase do segundo chanzo a nivel nacional, pero "é un plan a medio prazo para chegar ao Campionato de España", sinalou con ambición na presentación da proba Fabián Esperón, representante da Escudería Buxa Motor Poio.
"É unha proba referente e unha tradición importante no noso Concello", completou pola súa banda a edil de Deportes de Poio, Marga Caldas.
Será ademais unha edición especial para a organización, que quere dedicar a carreira "a un amigo da familia e do clube como Víctor Magariños",, sinalou Esperón en relación ao recentemente falecido piloto pontevedrés.
A XXI Subida a Escusa contará con máis de 60 vehículos participantes no "mesmo trazado de sempre".
Os motores comezarán a ruxir en Poio o sábado ás 15.30 horas, momento no que se completará unha pasada de adestramento e dúas mangas cronometradas oficiais, mesma programación que a prevista para a mañá do domingo a partir das 9.30 horas.
A proba conta cun amplo dispositivo de seguridade e tamén de prevención contra a covid que deberá seguir estritamente o público asistente.
Relacionadas:
-
Alexis Viéitez gaña a XXI edición da Subida a Escusa
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
As subidas da Escusa e Ponte Caldelas pasan a formar parte do Campionato de España de Montaña
Por Diego Espiño |
-
Retomar as subidas á Escusa e a Ponte Caldelas no 2021, obxectivo da escudería organizadora
Por Manu Otero |