Lourdes Domínguez: Gustaríame chegar aos cuartos de final dun Grand Slam
Por Diego Espiño
Aínda que a tempada tenística non concluíu oficialmente, Lourdes Domínguez xa a deu por finalizada e descansa estes días na Cidade de Lérez.
O ranking non parece que vaia variar e a pontevedresa concluirá o ano no posto 48 da clasificación WTA, a súa mellor posición a final de tempada moi preto do seu tope, o número 40 alcanzado en 2006.
Lourdes repasa con PontevedraViva un curso tenístico no que conquistou un torneo, o ITF de Marsella, e no que as sensacións foron moi positivas. Entre cella e cella, conseguir chegar lonxe nun dos catro grandes e sobre todo, sentir disfruntando dun deporte que, di, converteuna nunha privilexiada.
Como cualificarías a tempada?
A verdade que foi bastante boa. Nin eu esperaba rematar entre as 50 primeiras porque saía dunha lesión do pé, unha fractura por estrés que me tivo case cinco meses sen competir. Non sabía canto ía tardar en coller o ritmo de competición pero foi un ano bastante regular, as lesións respectáronme e iso favoreceume moito. Aínda que non conseguín ningún título WTA xoguei a un nivel moi alto, con xente que estaba en top-10, ou entre as 20-30 mellores xoguei partidos moi bos.
O ranking anima a pensar en retos ambiciosos para a próxima tempada?
A partir de xaneiro teño unha planificación parecida á deste ano pero un pouco diferente. Poderei disputar torneos que agora tiña que xogar previas e o próximo ano iso non acontecerá polo ranking, o que supón menos desgaste. Teño 31 anos e a recuperación despois dun partido é máis lenta, chego máis tocada cantos máis partidos.
Cal foi para ti o mellor torneo do ano?
En Indian Wells xoguei bastante ben, tamén en Beijing estiven a un nivel altísimo.Después está Marsella, conseguíno gañar e dentro dos ITF era dos máis altos. Foi un ano moi regular e non podería elixir só un.
"Cheguei ata terceira rolda en Grand Slam. En Rolland Garros un ano quedeime a nada de pasar, perdín 6-4 no terceiro set"
Nos catro grandes foron unha primeira rolda e tres segundas, Segue sendo unha espiña poder facer algo importante nun Grand Slam?
Sempre o pensei, gustaríame chegar a uns oitavos ou uns cuartos dun grande. Cheguei ata terceira rolda. En Rolland Garros un ano quedeime a nada, perdín 6-4 no terceiro set en terceira rolda, así que imaxínate, estiven moi preto. O ano que vén imos seguir con ese obxectivo de intentar pegar unha pequena sorpresa nun Grand Slam, aínda que o principal é seguir gozando, tendo ilusión e ganas, que a medida que te vas facendo maior e levas moitos anos no circuíto ás veces faise un pouco duro.
Entra nos teus plans entra a Copa Federación?
Non sei porque o calendario é moi longo. Gustaríame participar pero non depende de min senón da capitá, ela sabe que me ten á súa disposición e calquera eliminatoria que o necesite alí estarei.
Con 31 anos, canto tempo che queda no tenis profesional?
Eu formúlome o ano a ano. Se as lesións me respectan, que esperemos que si, eu creo que aguantarei ata que o corpo ou a mente me digan basta porque me encanta o tenis, levo moitos anos dedicándome a iso e a verdade é que me sento unha privilexiada por facer o que me gusta.
"En España ás veces custa un pouco apoiar o deporte feminino"
Es a segunda española no ranking, como ves ao resto e sobre todo á nova xeración?
Ten que haber un cambio xeracional en breve. As xogadoras que estivemos entre as 100 primeiras nos últimos anos temos 30 ou 31, ten que empezar a saír xente nova e xa se están a empezar a ver tres caras novas como Lara Arrabarruena, Garbiñe Muguruza e Tita Torró e esperemos que veñan máis. Está claro que non é doado, en España ás veces custa un pouco apoiar o deporte feminino.
Ves un relevo tamén en Pontevedra?
Leticia Costas ten só 21 anos, moita proxección, a pena é que este ano tivo mala sorte e lesionouse bastante pero se o ano que vén lle respectan as lesións e ten continuidade pode estar bastante máis arriba. Nivel tenístico teno porque adestro a miúdo con ela, sei perfectamente como xoga e eu creo que pode dar moitas alegrías a Pontevedra nun futuro.
Falando de Pontevedra, botas de menos a cidade?
Levo moito anos fóra, 17 xa e é duro. Á mínima que podo sempre escápome para desconectar de todo, estar coa miña familia, cos meus amigos de toda a vida. Cando vou polo mundo sempre falo de Pontevedra, dígolles que é unha auténtica marabilla, a calidade de vida, a comida... onde vou estar mellor que aquí nos meus días de vacacións!