Toni Otero recoñece que o Pontevedra tentou fichar a Bicho e Mohedano: "Pelexouse por eles e non puido ser"
Por Diego Espiño
O director deportivo do Pontevedra Club de Fútbol, Toni Otero, compareceu este mércores en rolda de prensa para valorar o recente mercado de fichaxes e a tempada recentemente iniciada pola entidade granate.
O responsable da planificación deportiva defendeu estar "moi contento co plantel" que se confeccionou, ao que cualificou de "compensado, con experiencia e mocidade, con pernas, con xogo aéreo, con fútbol... Creo que é un plantel para esta competición que ten que cumprir dabondo cos obxectivos", explicou sen esconder que esa meta segue sendo o ascenso de categoría.
Do mesmo xeito que a gran maioría de clubs, o Pontevedra debeu reaxustar á baixa o seu orzamento. "O covid fixo que os planteis custen aproximadamente un 30% menos do que custaban", explicou Otero encomiando o "esforzo enorme" realizado polo club. Esa circunstancia con todo fixo que algúns dos obxectivos que se plantexaron desde os despachos non se chegasen a materializar.
En especial o director deportivo revelou dous nomes, ambos os dous centrocampistas. "Non pasa nada por dicilo, foron Bicho e Mohedano", sinalou en refencia ao ex-xogador da SD Compostela, que asinou finalmente polo San Fernando da Primeira RFEF, e a Andrés García Mohedano, madrileño con pasado no Mirandés, Andorra ou Numancia e que se comprometeu finalmente pola UD Melilla.
"Espiña cravada non, pero simplemente con sinceridade dise que se pelexou por eles e non puido ser. Ao final o míster foi algo que pediu, pelexouse garántocho ata o final pero os mozos decidiron outras cousas con moito máis diñeiro loxicamente por medio", relatou.
A nivel máis xeral Toni Otero mostrouse satisfeito de cumprir os obxectivos marcados á súa chegada, como tentar "rexuvenecer o plantel, darlle un espírito máis da casa e galego ao equipo e apostar pola canteira". Así o entende cun equipo que conta con 21 fichas cubertas e 4 xogadores máis en dinámica do primeiro plantel como Iñaki, Valentín, Jacobo e Fabio. Ademais tomáronse certas decisións estruturais a nivel de canteira como "tentar xogar todos dunha mesma maneira, unha serie de obxectivos e aspectos que fagan que o xogador cando chegue ao primeiro equipo xa veña con dinámicas parecidas ou similares".
Na súa comparecencia Otero valorou tamén a última incorporación, de Yelko Pino, anunciada o domingo tras o choque fronte ao Compostela. Trátase de "unha aposta persoal", defendeu sobre un xogador ao que "coñezo moi ben" e ao que "por circunstancias o fútbol non lle foi todo o ben, creo eu, que dentro ten". Con todo "vén enchufado, ten moito fútbol por dar e oxalá sexa capaz de sacar o rendemento que el ten", afirmou o director deportivo granate.
Relacionadas:
-
Rufo renova co Pontevedra ata 2024
Por Diego Espiño |
-
Pendentes do abdutor de Samu Araújo
Por Diego Espiño |
-
Un gol do Móstoles no 92 bota por terra a remontada do Pontevedra (2-2)
Por Diego Espiño |
-
A gran dúbida do Pontevedra en Móstoles: Charles e Rufo xuntos en ataque?
Por Diego Espiño |
-
Yelko Pino xa exerce como xogador do Pontevedra: "Non sei o tempo que me vai a custar chegar á miña mellor versión"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra deixa escapar ante o Compostela o triunfo que mereceu na primeira parte (1-1)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Pontevedra reforza o seu centro do campo coa fichaxe de Yelko Pino
Por Redacción |
-
Ángel Rodríguez: "Teño un plantel bo e un once titular moi competitivo"
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra adxudica a Pablo López, Miguel Román e Iñaki as tres fichas sub 23 dispoñibles
Por Manu Otero |