Bronce para as pontevedresas Claudia Couto e Lucía Graña no Mundial júnior de piragüismo sprint
Por Redacción
Novo éxito para as padeeiras da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra. Dúas das súas integrantes, Claudia Couto e Lucía Graña, lograron a medalla de bronce na final de C2 200 metros no Mundial júnior de piragüismo sprint que se está disputando en Portugal.
As pontevedresas quedaron a tan só 520 milésimas do ouro, que foi para as húngaras Agnes Kiss e Zsofia Csorba cun tempo de 45.15. A prata foi para as rusas Sofia Shtil e Elizaveta Vypriazhkina.
Esta medalla é a primeira para a delegación galega desprazada a terras portuguesas, onde está a realizar unha notable actuación nas finais disputadas ata o de agora.
Así, Claudia Couto foi novena na final individual de C1 500 metros, mentres que Diego Domínguez (Breogán do Grove) acabou sétimo na final de C1 1.000 metros.
A parella formada polo pontevedrés David Bautista (EP Ciudad de Pontevedra) e Yoel Becerra (Real Club Naútico Rodeira), pola súa banda, terminou en quinto lugar na final de C2 500 metros.
Na categoría sub 23, Manuel Fontán (Náutico O Muiño) e Martín Jácome (EP Ciudad de Pontevedra) quedaron ás portas das medallas tras ser cuartos na final de C2 500 metros, conseguindo así un meritorio cuarto posto.
María Pérez (Náutico O Muíño) e María de la Peña (EP Ciudad de Pontevedra) foron sétimas na final feminina da mesma distancia.
Ademais, na proba de K2 500 metros o lucense Xoel García, que competía xunto ao murciano Lázaro López, foi quinto.
Varias finais B tamén tiveron presenza galega. Irene Lata (Ría de Betanzos) foi sétima na de K1 500 sub23, Noel Domínguez (Breogán do Grove) gañou a de C1 1.000 sub 23 e Iván Fernández (Ría de Betanzos) foi segundo na de K1 200 metros.
Relacionadas:
-
Cuarto posto para Adrián Sieiro no Campionato do Mundo Sprint de Dinamarca
Por Almu Dapena |
-
Dobre final para Antía Jácome no Mundial Sprint de Copenhague
Por Diego Espiño |
-
O Mundial Sprint Copenhague, último gran reto da tempada para o piragüismo pontevedrés
Por Redacción |
-
Dobre medalla de prata para o piragüismo pontevedrés na última xornada do Mundial Sprint Júnior e Sub-23
Por Diego Espiño |
-
As promesas do piragüismo pontevedrés póñense a proba no mundial de Portugal
Por Redacción |