Alberto Taboada e Andrea de la Hera, gañadores da travesía a nado entre Ons e Combarro
Por Redacción
Algo máis de cinco horas e media tardaron os gañadores da terceira proba da Tripla Coroa Illas Atlánticas, a travesía a nado entre Ons e Combarro, en completar os 23 quilómetros deste espectacular desafío. Foron Alberto Taboada e Andrea de la Hera.
Ambos os nadadores chegaron á meta á vez, parando o crono en 05:31:51.
En categoría masculina, o podio completouse con Manuel Regueiro Picallo, cun tempo de 05:34:43, e con Joseba Aingeru Saezmiera, que acabou a proba cunha marca de 05:39:48.
Entre as mulleres, segunda foi Patricia Agüera Fernández (06:23:57) e a terceira praza conseguiuna María Fernández Bagués (06:29:28).
Con este resultado, o galego Alberto Taboada e a biscaíña Andrea de la Hera proclamáronse gañadores absolutos da segunda edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas, que se disputou entre 2018 e 2021 con 57 quilómetros en tres anos.
Un total de 115 nadadores participaron na travesía a nado entre Ons e Combarro, dos cales seis non lograron finalizar todo o percorrido, segundo informa a organización.
O nadador máis novo, o cordobés Álvaro Ruiz Tabas (20 anos), finalizou no posto 42 e o máis veterano, o vigués Alejandro Ros (63 anos), no 105.
A xornada caracterizouse polas boas condicións meteorolóxicas con escaso vento e ondada e a temperatura da auga roldou os 18 graos.
Os participantes saíron en cinco grupos segundo os ritmos de nado entre as 08:40 e 10:10 horas desde a praia de Area dos Cans, en Ons. Os nadadores resaltaron a dureza dos cinco primeiros quilómetros do percorrido ao ser en mar aberto entre a illa de Ons e Punta Cabicastro.
A partir deste punto, situado no quilómetro 8, o percorrido discorreu preto da costa, pasando pola praia de Silgar, en Sanxenxo, desde onde aos nadadores acompañáronlles varios pádel surf ata a meta situada na praza da Chousa.
Durante a xornada despregouse un forte dispositivo de seguridade integrado por 33 embarcacións, 43 kaiaks, 10 pádel surf, varias motos acuáticas, 2 médicos, 4 enfermeiros, 4 técnicos en emerxencias sanitarias, 20 socorristas e máis de 200 persoas en terra e mar.
Relacionadas:
-
A primeira volta a nado á illa de Tambo partirá desde Combarro o 21 de agosto
Por Redacción |
-
120 deportistas nadarán este sábado desde Ons a Combarro
Por Redacción |
-
Embarcacións tradicionais para asistir, entre Ons e Combarro, aos nadadores da Tripla Coroa
Por Redacción |
-
A travesía a nado entre Ons e Combarro abre inscricións cun límite de 120 prazas pola covid
Por Redacción |