Sanxenxo será durante dez días a capital europea da vela
Por Redacción
Todo listo no porto deportivo de Sanxenxo para recibir á frota de 6 Metros que pelexará polo título continental na ría de Pontevedra. A inscrición supera xa as 30 unidades e terán unha competición previa á cita continental coa disputa da regata Rey Juan Carlos I El Corte Inglés Máster.
Cun ano de atraso debido á pandemia, Sanxenxo será sede, entre o 13 e 18 de setembro, do Campionato de Europa da clase 6M, proba que organiza o Real Club Náutico de Sanxenxo co patrocinio de Xacobeo 20-21.
Actualmente son xa 33 unidades de once países as que confirmaron a súa participación. Equipos de España, Francia, Italia, Suíza, Gran Bretaña, Finlandia, Portugal, Suecia, Holanda, Estados Unidos e Canadá pelexarán polo cetro continental na ría de Pontevedra.
E non faltarán os mellores. O actual campión de Europa e do mundo na división de Clásicos, o Bribón 500 do Rey Don Juan Carlos -que contará con Pedro Campos á cana-, defenderá título fronte a tripulacións da talla do Astrée III, terceiro no Europeo da Trinité-sur-Mer en 2018; o Aida de Escotet-Botas, que contará con Javier da Gándara como patrón; ou o Caprice de Íñigo Echenique, outro dos habituais no circuíto da Copa de España.
En Open, pola súa banda, o equipo suízo Nivola buscará revalidar na ría de Pontevedra o triunfo obtido no último Europeo, e para iso terá que enfrontarse a equipos tan potentes como o Seljm portugués de Patrick Monteiro, subcampión do mundo en 2019; ao gañador dos dous últimos Mundiais, o Junior de Philippe Durr; e ao tamén suízo Sophie de Hugo Stenbeck, subcampión do mundo en 2015 e gañador da Copa do Rey MAPFRE en 2018, entre outros.
Cunha primeira xornada reservada para medicións, proba de adestramento e cerimonia de apertura, será o martes 14 de setembro cando o Comité de Regatas dea o primeiro bocinazo de saída no campo de regatas, aínda que a gran maioría dos equipos xa se terán visto as caras durante a fin de semana previa na sexta edición da Regata Rey Juan Carlos El Corte Inglés Máster.
A cita, que contará con tres xornadas de regata entre o venres 10 e o domingo 12, disputarase no mesmo campo de regatas que acollerá o Europeo e será puntuable apara o circuíto da Copa de España – Trofeo Xacobeo da clase.
Relacionadas:
-
O "Juancamaría 3" faise coa vitoria na regata inversa da Ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Sanxenxo dá a benvida ao Europeo 6M de vela
Por Redacción |
-
Sanxenxo prepárase para un setembro de eventos coma "colofón a un bo verán para a actividade turística"
Por Oskar Viéitez |
-
A ría de Pontevedra será referencia en deportes náuticos en 2020
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo será sede do Europeo 2020 e do Mundial 2021 da Clase 6M de vela
Por Redacción |