Pontevedra estrea o primeiro campionato de España de piragüismo para veteranos
Por Redacción
O complexo deportivo David Cal do encoro de Verducido será escenario esta fin de semana do primeiro campionato de España de piragüismo para as categorías máster da historia. Máis de 200 padeeiros procedentes de todos os recunchos do país daranse cita en Pontevedra para competir nas modalidades K1, K2, K4, C1, C2 e C4 sobre distánciaa sprint, de 200 e 1000 metros.
O evento foi presentado este xoves polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea. Ambos volveron remarcar o papel de Galicia e de Pontevedra como potencia non só na organización deste tipo de eventos, tamén na formación de exitosos piragüistas.
"O piragüismo é un deporte estratéxico para a cidade", dixo Tino Fernández en referencia ao elevado número de clubs e licenzas cos que conta a cidade e tamén á repercusión económica que supón para a capital acoller tantos eventos de ámbito autonómico, nacional e mundial. De feito, este ano bateuse o récord de competicións celebradas tanto no río como no Pontillón do Castro.
O presidente Bea quixo destacar a "simbiose" entre Concello e Federación e tamén lembrou que a única Federación Autonómica de toda España que leva conseguindo medallas de forma consecutiva nas cinco últimas citas olímpicas é a galega de piragüismo.
Ambos os mandatarios aproveitaron a presentación para lembrar que no mes de setembro terá lugar un campionato do mundo en Dinamarca no que estarán en xogo as bolsas ADO; á que aspiran moitos padeeiros pontevedreses.
Relacionadas:
-
Boa imaxe do piragüismo pontevedrés no Campionato de España de Maratón Curto
Por Redacción |
-
Maratón de piragüismo esta fin de semana en Verducido
Por Manu Otero |
-
A EP Ciudad de Pontevedra logra o quinto posto no Campionato de España Sprint Olímpico
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
O Campionato de España Sprint Olímpico de Piragüismo reúne en Verducido "máis de 800 padexeiros"
Por Redacción |