Un Racing de Ferrol máis rodado supera con comodidade a un Pontevedra en construción (1-3)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Primeira derrota da pretempada para o Pontevedra Club de Fútbol. Tras a súa vitoria na Estrada e o empate en Cangas na Copa RFEF con eliminación por penaltis, o conxunto granate viuse claramente superado este domingo polo Racing de Ferrol no XLIII Trofeo Cidade de Pontevedra.
Foi un encontro desigual, en parte polo desgaste que lles supuxo aos de Ángel Rodríguez disputar unha prórroga menos de 24 horas antes do duelo, pero sobre todo pola proposta que presentou sobre o verde de Pasarón cada un dos equipos. Mentres os locais apostaron por un once con presenza de moitas caras novas, canteiráns e sub-23, o conxunto departamental fíxoo por unha aliñación que ben podería presentar na primeira xornada de liga da Primeira RFEF, con futbolistas de peso e a maioría xa coñecéndose da pasada campaña.
Con esta formulación o Racing, máis rodado en adestramentos, fíxose coa batuta do xogo desde os compases iniciais, e non tardou en plasmalo no marcador. Só transcorreran 4 minutos de xogo cando Dani Nieto gañaba con facilidade a liña de fondo por banda dereita e servía en bandexa á entrada de Héber Pena ao segundo pau para marcar a pracer.
Respondeu o Pontevedra cun achegamento rápido e disparo de Martín Diz desde a frontal, atallando sen problemas Gianfranco, pero aos granates custáballes combinar e chegar con fluidez ás inmediacións da área.
David Rodríguez puido facer o segundo á saída dun córner, aínda que o seu cabezazo marchou desviado e o duelo entrou nunha fase propia de choques de pretempada, con imprecisións e disputa, sempre con maior dominio visitante. Así foron pasando os minutos ata que ao fío do descanso Jacobo López cometía penalti sobre Héber, o que aproveitaba Joselu para facer o 0-2.
Tras o paso por vestiarios o Racing iniciou o carrusel de cambios, coa entrada de cinco futbolistas. Un deles era o canteirán pontevedrés Kevin Presa, que no seu primeiro balón deu mostras da súa calidade filtrando un bonito pase para que David Rodríguez batese cruzado por baixo a Álvaro Cortés.
Nese momento Ángel Rodríguez tamén empezou a repartir minutos coa entrada de homes como Samu Araújo, Santi ou Javi Rey, ademais do canteirán Pablo Arnosi. Despois entrarían ademais Joel Rodríguez, Valentín Jaichenko e Romay, deixando a ovación da tarde noite ao volver pisar o céspede de Pasarón superada a súa grave lesión de xeonllo, sendo o último cambio xa nos minutos finais Dani Taracido.
Co paso dos minutos, e xa con menos ritmo de xogo, os granates melloraron e empezaron a prolongar as súas posesións e a asomar pola área ferrolá, atopando premio no minuto 69. Joel viu a subida de Samu Araújo e tras centrar Valentín aproveitaba un mal rexeite para marcar o 1-3.
Pouco despois Joel volvía contar cunha ocasión para acurtar máis distancia, sen conseguir conectar con precisión un disparo que se foi demasiado cruzado.
Os minutos finais pouca máis historia tiveron que certificar o triunfo visitante do un Racing de Ferrol que levou con merecemento o Trofeo Cidade de Pontevedra nun partido do que os locais non poden nin deberían sacar demasiadas conclusións.
PONTEVEDRA CF (1): Álvaro Cortés, Jacobo López, Pacheco, Samu Santos, Álex González, Miguel Román, Alberto Rubio, Oier Calvillo, Iñaki, Martín Diz, Rufo.
Tamén xogaron: Samu Araújo, Javi Rey, Pablo Arnosi, Santi Figueroa, Joel Rodríguez, Valentín Jaichenko, Romay, Dani Taracido.
RACING DE FERROL (3): Gianfranco, Miguel Loureiro, Jon García, Yeferson, Pumar, Álex López, Fran López, Dani Nieto, Héber Pena, David Rodríguez, Joselu.
Tamén xogaron: Caballé, Fornos, Kevin Presa, Candelas, Luis, Iñaki Gómez, Alejandro.
Árbitros: Alexandre López Vila, auxiliado por Rubén Reborido e Fabián Blanco.
Goles: 0-1 Héber Pena (min.4); 0-2 Joselu, de penalti (min.44); 0-3 David Rodríguez (min.48); 1-3 Valentín (min.69).
Incidencias: XLIII Trofeo Cidade de Pontevedra disputado no Estadio Municipal de Pasarón.