Unha vitoria de etapa e "ensinar o maillot", obxectivos do Team Farto para La Vuelta
Por Manu Otero
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva foi escenario este luns da posta de longo do Team Farto, un equipo de ciclismo de Pontevedra que este ano estrea licencia UCI continental e que no mes de setembro competirá contra os mellores equipos do mundo no Ceratizit Challenge by La Vuelta, a competición equivalente á Volta a España feminina que este ano se disputará integramente en Galicia.
O secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete Lasa, saudou e animou a cada unha das ciclistas dun club que mestura o talento galego saído da súa canteira con figuras destacadas do ciclismo nacional e internacional.
"Trátase dunha recepción con motivo dun feito histórico como é que o primeiro equipo UCI da historia de Galicia vaia a correr A Volta a España feminina", explicou o director deportivo do Team Farto, Brais Dacal, a motivación deste acto. "Temos que celebralo porque é unha oportunidade inmensa tanto para estas ciclistas que están xa na elite como para as que están na canteira que teñen un equipo no que reflectirse", engadiu.
Sobre o papel que xogará o equipo galego na Volta, Dacal teno claro. "Imos correr contra as mellores, temos que ser combativos, temos que deixar ver a camisola e loitar por clasificacións secundarias, escapadas ou, por que non, tentar disputar algunha etapa. Imos saír a comernos A Volta", proponse.
E este é só o primeiro gran paso dunha escuadra cun prometedor futuro por diante. "O club está a traballar duro e chegamos moito máis lonxe do que esperabamos. Chegamos a liderar o ranking nacional e estamos a correr carreiras como o Circuíto ou A Volta. Agora temos que traballar para sostelo", márcase o dirixente.