A SCD Salcedo abre o prazo de inscrición para a nova tempada
Por Redacción
A SCD Salcedo xa abriu o prazo da súa inscrición en todas as súas categorías para a próxima tempada. O club pontevedrés ofrecerá desde o 23 de xullo unha ampla oferta de prazas tanto para fútbol masculino como feminino.
Na Escola Deportiva Municipal de Fútbol Base, o Salcedo dispoñerá de prazas para nenos e nenas desde os tres anos e medio ata os 14 anos. Neste caso xogarán en categorías mixtas.
Haberá fútbol sala para os equipos biberón e prebenxamín, que se formarán no pavillón de Cabanas, mentres que os benxamines, alevíns e infantís recibirán formación en fútbol 8 e fútbol 11 no Campo de herba do Príncipe Felipe.
Para completar a oferta na base, o club terá tamén categorías cadete e xuvenil, ademais de un equipo feminino con prazas para mozas a partir dos 14 anos.
Os adestramentos levaraos xente titulada e formada, que preparará aos integrantes para competir na categoría asignada a través da Real Federación Galega de Fútbol e Fútbol sala.
Todas as persoas que queiran probar esta tempada na SCD Salcedo dispoñerán dun mes de proba gratuíta e deberán cubrir o seguinte cuestionario e o club poñerase en contacto no mes de setembro. O prazo para apuntarse estará dispoñible desde o 23 de xullo ata o 27 de setembro ás 22:30 horas.