Inés Areán, do Club Voleibol Pontevedra, subcampioa de España coa selección galega infantil
Por Redacción
A xogadora do Club Voleibol Pontevedra, Inés Areán, acaba de proclamarse subcampioa de España coa selección autonómica infantil feminina.
A pontevedresa, que comezou como alevín nas filas do club, uniuse ás filas do combinado galego para disputar en Valladolid o Campionato de España.
Pola súa banda, Laura Dios, Noelia Cores e Berta Comino, as tres xogadoras cadetes que ían participar coa selección galega cadete, quedaron co mel nos beizos e non puideron acudir ao campionato por contacto estreito dalgunhas xogadoras con xente que deu positivo en covid-19.
Desta forma e seguindo os protocolos establecidos e as recomendacións sanitarias, a Federación Galega de Voleibol decidiu non participar co equipo cadete no torneo.
Esta non é a única participación do equipo pontevedrés, xa que esta fin de semana participarán parellas tanto masculinas como femininas no campionato de categoría infantil de Dumbría.