Suspenden o torneo da xira galega de balonmán praia en Sanxenxo pola alta incidencia de covid
Por Redacción
A mala evolución con respecto aos indicadores de afectación pola covid que está a experimentar nos últimos días o Concello de Sanxenxo motivaron a suspensión do torneo da xira galega de balonmán praia previsto no municipio durante a fin de semana.
"O incremento de casos positivos nos últimos días na zona, fan que tanto a Federación Galega de Balonmán como o Concello de Sanxenxo decidan non contribuír aínda máis á masificación da localidade", xustifica a federación sobre a decisión de suspender a proba.
A proba de balonmán praia prevía unha asistencia próxima ás 3.000 persoas entre deportistas e acompañantes, calculan desde a organización, polo que "non nos permitiría garantir as condicións de seguridade óptimas dentro do contexto no que se ía a celebrar", defende a Federación Galega.
"Estamos convencidos de que é a opción máis sensata neste momento", resaltan.