O Farto acariña o triunfo na casa na Copa de España Féminas
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Que preto estivo o Team Farto de estrear o seu palmarés na Copa de España Féminas de ciclismo na proba máis importante da tempada, a da casa.
Pontevedra foi escenario este domingo 27 de xuño da quinta proba puntuable do certame nacional, cun percorrido de case 100 quilómetros con saída e chegada preto do peirao das Corbaceiras no que destacaban varios pasos por meta ao longo do percorrido e dúas ascensións ao Alto da Porteliña.
O club local, que esta campaña estrea a súa condición de profesional UCI Continental, coñecíase de corrida o circuíto con especial atención a unha ascensión, a de Porteliña, de 1,3 quilómetros ao 6,4%.
No primeiro dos pasos pola cota, á que se chegou tras neutralizar unha fuga, Susana Pérez lanzou un ataque que rompeu a carreira, con algo máis dunha decena ciclistas por detrás moi preto seguindo o seu ronsel. Entre elas estaba a portuguesa Melissa Maia, do Farto. A vitoria estaba entre elas, agrupándose despois de coroar e abrindo oco co pelotón.
Foi na segunda ascensión, a 12 quilómetros de meta, cando a representante do Farto lanzou a súa aposta, cun ataque que a piques estivo de resultar decisivo. Marchou en solitario chegando a contar con 30 segundos sobre as súas inmediatas perseguidoras.
A 5 quilómetros da chegada aínda marchaba con 10 segundos de renda, pero foi cazada pouco despois, sen quedarlle forzas para disputar o sprint entre as cinco corredoras que chegaron na cabeza, sendo a vitoria final para Susana Pérez (Río Miera).
#CopaEspañaFemCofidis | ¡Victoria para Susana Pérez! ¡Qué carrerón!
— Real Federación Española de Ciclismo (@RFECiclismo) June 27, 2021
Segunda clasificada ha sido Idoia Eraso y tercera, Claire Steels@ciclistacofidis pic.twitter.com/RHimC1XsF9
Era o final dunha gran xornada deportiva que comezara cunha carreira cadete e con outra júnior e máster, resultando vencedoras a júnior Ainhoa Moreno e a cadete Laia Bosch.
No que respecta a a categoría Master, a vitoria en Master 30 foi para Beatriz Martínez (GSport). En Master 40, Verónica Palazuelos (WS Master) levou o triunfo e Rosa Marqués gañou en Master 50.
Relacionadas:
-
O ciclismo elite e sub-23 feminino cítase en Pontevedra na segunda proba da Copa de España
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
La Vuelta e a Clásica de San Sebastián, un colofón á tempada de debut do Farto no pelotón profesional feminino
Por Redacción |
-
A Copa de España Féminas de ciclismo aterra en Pontevedra
Por Diego Espiño |