Tamara Abalde supera con éxito o seu recoñecemento médico en Pontevedra antes de regresar coa selección olímpica
Por Redacción
A xogadora da Selección Española de Baloncesto Tamara Abalde superou con éxito diferentes recoñecementos médicos aos que se someteu no Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez este venres despois de dar positivo por covid-19. A viguesa tivo que perderse o Eurobasket que se está celebrando en Valencia, pero xa está recuperada para participar coas súas compañeiras nos Xogos Olímpicos de Tokio.
Unha vez superado con éxito os seus exames médicos, a xogadora galega incorporarase á selección o próximo 5 de xullo para comezar, xunto ao resto do equipo, a súa preparación para a cita da capital nipoa.
O completo recoñecemento foi asistido polos doutores Rodrigo Medina e Yolanda Otero que, de maneira coordinada, traballaron xunto ao doutor Juan Francisco Abellán, xefe dos servizos médicos da Selección.
“En deportistas que deron positivo en covid-19, é importante avaliar a función respiratoria e cardiocirculatoria posteriormente para garantir unha volta á actividade física intensa sen risco de complicacións. Tras o estudo realizado, a xogadora atópase en disposición de comezar a traballar de novo para recuperar a forma física tras estes días de repouso obrigado”, sinala Juan Francisco Abellán.
Quirónsalud colabora coa Federación Española de Baloncesto desde 2016 como Provedor Médico Oficial das seleccións absolutas feminina e masculina.