A Copa de España Féminas de ciclismo aterra en Pontevedra
Por Diego Espiño
Catro anos despois da súa última carreira en Galicia, concretamente en Marín, a Copa de España Féminas de ciclismo en estrada aterra este domingo 27 de xuño en Pontevedra.
A cita, quinta e penúltima proba puntuable do certame, contará con preto de 400 ciclistas entre as súas diferentes categorías: cadete, júnior, máster e elite- sub23.
"O percorrido, que discorre entre Pontevedra e Marín, non é moi duro. A única cota puntuable será o Alto da Porteliña", sinalou Serafín Martínez, representante da organización, na presentación do evento acompañado polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, o delegado territorial da Xunta, Luís López e o seleccionador galego de ciclismo, Jacobo Ucha, entre outros.
Serán tres as carreiras da xornada, comezando coa proba cadete ás 9.00 horas (44 quilómetros), seguindo coa júnior e máster ás 10.30 (75 quilómetros) e finalizando co prato forte, a elite e sub-23 ás 12.45 horas (104 quilómetros), todo con saída e chegada na Avenida das Corbaceiras.
Todo iso coas máximas medidas de seguridade, como a realización de probas de antígenis a todas as participantes e limitando o público "na medida do posible", confirmou Serafín Martínez.
Entre os equipos participantes destaca a presenza do Team Farto pontevedrés, único equipo profesional galego e que ten marcado en vermello a Copa de España na casa.