O Cerponzóns CF denuncia danos no seu campo pola celebración de 'pachangas' a pesar de estar pechado polo Concello
Por Diego Espiño
O campo de fútbol de Chando do Monte en Cerponzóns, unha das instalacións renovadas dentro da rede municipal de instalacións deportivas, permanece pechado desde hai meses polo Concello, pero iso non evitou o seu uso incontrolado.
É o que denuncia o club que habitualmente o utiliza, o Cerponzóns CF, tras detectar que se produciron pequenas desfeitas derivadas da organización de 'pachangas' ou partidillos entre amigos.
"Sabíamos que a veces entraban niños de la parroquia, pero no son niños que entran a jugar que puedes hacer la vista gorda, son grupos organizados de 30 personas. Empezaron a aparecer botellas tiradas, banquillos y redes rotas... y eso no lo podemos permitir", explica o presidente do club, Martín Iglesias.
Aínda que descoñecen desde cando sucede, o certo é que o detectaron tras o levantamento das restricións derivadas da pandemia e ao comezar a planificar a próxima tempada deportiva. "Hicimos una revisión de las instalaciones y nos dimos cuenta de que estaba pasando algo, por lo que empezamos a realizar un seguimiento diario", sinala o dirixente deportivo.
Ao tratarse dunha instalación pechada ao uso actualmente, desde o Concello de Pontevedra recomendaron avisar á Policía Local se se detectaba de novo actividade, o que fixo aos axentes desprazarse ata Cerponzóns nun par de ocasións nas últimas semanas tras recibir avisos dos veciños da parroquia.