Medio milleiro de inscritos na cuarta edición dunha 4 Picos Road que "defende o espírito do cicloturismo"
Por Diego Espiño
As estradas da comarca volverán encher de ciclistas afeccionados o vindeiro domingo 20 de xuño coa cuarta edición da Pontevedra 4 Picos Road 'Clásica Evaristo Portela', en homenaxe ao director deportivo do Grupo Deportivo Supermercados Froiz.
Na súa cuarta edición o evento reunirá 500 deportistas nunha proba que "defende o espírito do cicloturismo, coñecer a través da bicicleta diferentes estradas", sinalou este mércores na súa presentación Josevi Cimadevila, responsable da empresa organizadora Global DxT.
Cun percorrido renovado que "vai ser unha marabilla" segundo o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, a 4 Picos Road partirá ás 9.00 horas da mañá desde a Avenida Montero Ríos con dúas distancias habilitadas de 90 e de 121 quilómetros.
En concreto os primeiros 26 quilómetros realizaranse de forma neutralizada, ata o primeiro avituallamento en Moraña. Desde alí cada ciclista poderá ir á súa velocidade dirixíndose a Campo Lameiro e Fentáns, onde se iniciará o primeiro dos tramos cronometrados, de 5 quilómetros, ata Cuspedriños. Despois os participantes continuarán a ruta pasando por Famelga, Aguasantas, Laxoso, Ponte Caldelas e Marcón, punto final da distancia curta. Ao resto de corredores quedaralles aínda acceder ao Lago de Castiñeiras desde Tomeza ascendendo a súa vertente máis dura polo coñecido como 'Muro de San Xulián' nunha subida de novo cronometrada.
Será unha marcha cicloturista con medidas extremas de seguridade. "Os participantes van a pasar test de antíxenos para poder ir sen máscara, e os avituallamentos van ir embolsados. Ademais nas zonas comúns usaremos máscara", confirma Cimadevila.
Na presentación dos 4 Picos Road o homenaxeado, Evaristo Portela, reivindicou tamén que "é unha proba para desfrutar, non é un día competición" nun "percorrido espectacular", e recoñeceu que "me honra que na miña cidade, á que tanto quero, se faga unha marcha co meu nome".
Pola súa banda o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, acompañado Gregorio Agís, edil de Poio, e de Óscar Álvarez, brigada da Garda Civil de Tráfico, defendeu que "a marca 4 picos demostrou que se poden facer cousas moi interesantes e que animen á xente a vir a Pontevedra".
Relacionadas:
-
A 4 Picos Road regresa o 23 de abril cunha imaxe renovada e para todo tipo de participantes
Por Almu Dapena |
-
A 4 Picos Road sobrevive á choiva e celebra a súa cuarta edición
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A Pontevedra 4 Picos Road 'Clásica Evaristo Portela' cambia de percorrido para a súa edición de 2021
Por Redacción |