Falece o piloto Víctor Magariños cando recoñecía o terreo para o Rally de Pontevedra
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Víctor Magariños, piloto de rallys e dono do taller Integral Motorsport de Pontevedra, faleceu este sábado como consecuencia dun accidente de tráfico na estrada EP 0401, no punto quilométrico 2, á altura de San Miguel de Cotobade, na parroquia de Carballedo. Segundo informa o 112, un particular avisou ás 12:23 horas para que acudise ao lugar dos feitos.
Segundo os primeiros datos houbo un impacto entre un vehículo e o coche no que ía Magariños cando facía o recoñecemento do terreo, nun tramo aberto á circulación de tráfico, de cara ao Rally de Pontevedra, que se celebrará a próxima fin de semana. Ata o lugar desprazábanse os Bombeiros de Pontevedra tras recibir un aviso para excarcerar a vítima, que quedara atrapada no interior do coche.
Outras dúas persoas resultaban feridas de diversa consideración no impacto fronto-lateral e unha terceira, ilesa, segundo a Garda Civil de Tráfico. Desde o 112 solicitaban a intervención dos Bombeiros de Ribadumia e de Pontevedra, do GES da Estrada, do Servizo Municipal de Protección Civil da Estrada, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade e a Garda Civil de Tráfico. Malia que os servizos sanitarios mobilizaron un helicóptero medicalizado ata o lugar do accidente, o servizo de atención en emerxencias nada puido facer por salvar a vida ao piloto, malia os esforzos realizados, segundo indican desde o 112.
Víctor Magariños, de 48 anos de idade, era un coñecido empresario pontevedrés que rexentaba o taller situado no Polígono do Campiño. Tiña previsto participar, como era habitual, na proba deportiva da vindeira fin de semana co copiloto Juan Carlos Asorey.
O funeral polo seu eterno descanso será este domingo 13 de xuño ás 21.00 horas na igrexa San Miguel de Marcón. O velorio vai abrirse a partir das 16.00 horas.