Pontevedra será sede do Trofeo Xacobeo de Piragüismo no que participarán 1500 deportistas de España e Portugal
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
O Centro Galego de Tecnificación de Pontevedra acolleu este sábado a presentación da primeira edición do Trofeo Xacobeo de Piragüismo, un evento que permitirá conxugar deporte, cultura e o Camiño de Santiago.
Celebrarase o vindeiro sábado 19 de xuño no río Lérez e no complexo deportivo David Cal de Verducido coa participación de 1500 deportistas, de entre 6 e 16 anos, chegados de diversas partes de España e de Portugal.
Este primeiro Trofeo Internacional Xacobeo 2021- Xogade comezará ás 10:30 coa proba de categoría infantil nas inmediacións da Ponte do Burgo, mesma localización na que, ao redor das 15:30 horas, competirán os piragüistas de categorías alevín, benjamín e prebenjamín. O broche de ouro á xornada poñerano os cadetes a partir das 16:30 horas no complexo deportivo David Cal de Verducido.
Ao acto de presentación acudiron o deputado de deportes provincial, Gorka Gómez; Tino Fernández, tenente alcalde do Concello de Pontevedra; María Nava Castro, Directora Xeral de Turismo; Pedro Pablo Barrios, presidente da Real Federación Española de Piragüismo; António José Ferreira Sousa, presidente da Federación Portuguesa de Piragüismo, e José Alfredo Bea García, presidente da Federación Galega de Piragüismo. Tamén asistiron os piragüistas Tono Campos e Tania Álvarez como padriños do evento.
Durante a presentación, o presidente da Federación Española destacou a importancia deste tipo de eventos xa que permite desenvolver o piragüismo na zona norte do país e confírmase que é un deporte seguro, mentres que Tino Fernández, incidiu no "orgullo" que supón este deporte para Pontevedra e este tipo de celebracións, xa que se fomenta a actividade física e promove o crecemento económico da cidade.
Por último, a Directora Xeral de Turismo destacou a orxinalidade deste primeiro Trofeo Xacobeo en canto á promoción do Camiño e os seus valores e sinalou que iniciativas como estas " serven para facer un Ano Xacobeo moi especial".